Posts Tagged ‘Xaviña’

A Ruta Da Ínsua


Cómo vai esa andaina camiñantes? Espero que xenial! Eu, sorprendido e animado polo bo estado e mantemento da ruta dos muíños do Concello de Camariñas, decidín adentrarme un pouco máis neste municipio e achegueime ata a parroquia de Xaviña  para percorrer a chamada Ruta da Ínsua. Así as cousas, esta semana ofrézovos unha fermosa ruta que non ten nada que envexar á anterior excepto por uns pequenos detalles que se deberían mellorar en canto á sinalización do camiño. Pero tranquilos meus, para perderse polo monte xa estou eu! jeje. Mapa, perfil e valoración MIDE:

Mapa e Perfil

MIDE (Método de Información De Excursións)

Comeza este roteiro na praia de Ariño. Chegaremos ata aquí despois de entrar na parroquia de Xaviña (deixando as vilas de Ponte do Porto e Dor atrás). O desvío que nos leva á praia encóntrase á esquerda uns metros despois de pasar o restaurante “O Ariño”. Concretamente, o comezo do camiño sitúase no piñeiral que está xunto á praia, onde abundan mesas e grellas ideais para pasar unha tarde de entretemento alternando a praia e os baños coa sombra das árbores.

Punto de Partida

Praia de Ariño

Perfecto para unha grellada cos amigos

Se antes de comezar a andaina nos acercamos á praia, podemos apreciar que estamos nunha zona de gran valor ecolóxico, tanto pola gran cantidade de cunchas que hai na praia, o que nos dá unha idea da riqueza marisqueira da zona, así como tamén da gran riqueza ornitolóxica, pola cantidade de aves que podemos ver dende este lugar.

Cunchas de Berberecho

Unha pequena Garza

Gaivotas, como non!

Ánades?

Ademais, se visitades esta zona no Outono, poderedes ver a gran cantidade de cogumelos que nacen nesta zona, e que vos acompañarán ó longo de todo o camiño. Quén sabe, secadra en vez de facer unha churrascada, hai que facer unhas setas á brasa!

Voltamos ó piñeiral e comezamos xa o camiño seguindo a estrada pola que chegamos, e que en nuns metros se converte xa nunha pista forestal. Poucos metros máis adiante, xa xurde o primeiro problema coas indicacións. No mapa que ofrece o concello, di que existe unha derivación cara a coñecida como “Punta Sandía” un pequeno cabo no que poderemos observar gran parte da ría. Sen embargo, non hai ningun cartel que explícitamente o indique, co cal hai que aventurarse arriscándose a perder o tempo. Eu finalmente optei polo último dos tres desvíos, e aínda que non cheguei á punta exactamente, cheguei a outro pequeno saínte que tampouco desmerece nada.

Dando os primeiros pasos desta andaina...

Arredores de Punta Sandía

Cerca de Punta Sandía

Outra vista desde este saínte

Voltamos por onde viñemos e continuamos o camiño, no que xa podemos intuir por detras dos pinos e eucaliptos que nos tapan parcialmente a visión a vila de Camariñas e, detrás desta, ó outro lado da ría, a vila de Muxía.

Camariñas

Porto de Camariñas e Muxía ó outro lado da ría

Máis adiante, pódese tomar un camiño á dereita e subir ó monte, ou tamén andar outro tramo ata o seguinte desvío, que foi o que tomei eu neste caso. Desde aquí teredes unhas vistas excepcionais da ría e das vilas de Camariñas e Muxía, incluso se o día está claro poderedes ver con certa facilidade o Santuario da Virxe da Barca.

A metade do ascenso...

Camariñas dende o alto do monte

Santuario da Virxe da Barca

Unha vez descendido o monte, continuamos o sendeiro ata chegar ás antigas minas de Volframio. Saberemos que chegamos ó ver ós carteles que anuncian do perigo de introducirse polo monte, e un pouco máis arriba, xa nun camiño asfaltado, veremos as ruínas dun edificio que seguramente tiña que ver coas antigas minas. Parece ser que a etapa de esplendor deste tipo de explotacións foi durante a Segunda Guerra Mundial, pois o Volframio era utilizado na fabricación de armas e proxectís.

Cartel de precaución

Ruínas

Continuamos agora o camiño ata chegar ás primeiras casas, e atopamos un dos poucos carteis que posúe a ruta. En concreto este cartel indícanos o camiño cara a Fonte de Agramar, polo que collemos pista abaixo ata chegar a unha praia, e unha vez chegados abaixo, dirixímonos á dereita ata chegar a pé do manantial. Esta fonte, posúe a peculiaridade de que nace mesmo ó pé da praia, e cando se dan as mareas vivas esta queda asulagada baixo a auga da ribeira.

Pista que baixa á praia

Ó fondo está a fonte

Fonte de Agramar

Volvemos camiño arriba sobre os nosos pasos e tras andar entre as rúas da aldea, chegamos á estrada. Atención aquí camiñantes! Sen cruzar, o camiño continúa polo segundo desvío á dereita, en ningún caso polo primeiro, pois estaríades subindo de novo ó monte. Saberedes que é o correcto porque o camiño está pegado a unha casa amarela. Incomprensiblemente, este tramo carece de sinalización, o cal pode ocasionar bastantes problemas, como foi no meu caso. Imaxinade a miña cara cando me vin de novo no alto do monte! xD

Na estrada, coller o seguinte desvío á dereita! Este que vedes lévavos de novo ó monte.

Desde este camiño teredes unhas boas vistas da parroquia de Xaviña

Continuamos por este camiño que, despois de deixar atrás as casas, acábase convertendo nunha pista forestal segundo se vai adentrando no monte. Ó chegar ó desvío, pódese coller á dereita (as indicacións marcan esta dirección) para chegar ó comezo da ruta, ou ben pódese coller a esquerda para botar un vistazo ó pazo das paxariñas e a ribeira. Se se elixe esta opción, despois de coller cara a esquerda e alcanzar uns metros máis adiante a encrucillada, débese tomar o camiño que temos xusto enfrente. Ó chegar ó final deste, atopámonos de novo co tramo máis pegado ó río da praia de Ariño, e dende aquí podemos ver do outro lado do río o Pazo das Paxariñas.

De novo, estamos nunha pista forestal

Dereita: comezo da ruta. Esquerda: Vistas do Pazo das Paxareiras e da ribeira

Encrucillada: seguir de frente!

Pazo das paxareiras

Agora só queda seguir a praia ata chegar de novo ó piñeiral no que comezamos esta ruta, camiñando pola branda area e cunhas vistas fantásticas da ribeira.

Gamelas na ribeira

Fermosa non si? 🙂

Espero coma sempre que disfrutárades da lectura! Se algún día vos animades a pasear por este roteiro, contádeme que tal vos foi a experiencia! Neste caso concreto, poderíadesme contar se a sinalización está mellor, ou se puxeron algún panel nos puntos de interese, que están anunciados no mapa do concello e sen embargo non existen. E xa sabedes: comentade, criticade, puntuade… o que queirades!

UN SAÚDO CAMIÑANTES!