Posts Tagged ‘Soesto’

Ruta Camelle – Laxe


Boas Camiñantes! Estreamos este mes de Decembro con un novo camiño que ben seguro vos gustará. Trátase da ruta que une as vilas mariñeiras de Camelle e Laxe, percorrendo toda a costa que separa estes dous portos. Fixera este camiño hai cousa de dous ou tres anos, e levaba xa tempo querendo volver a facelo para obter máis datos e poder compartilo con vós, así que decidinme e chamei ós meus compañeiros do curso de monitor de tempo libre para que me acompañasen e así formamos un cuarteto para esta andaina. Graciñas Sole, Barca e Rocío!

Equipo preparado! Faltan o mapa e o MIDE

Comezamos o itinerario no Museo do Alemán, a carón do espigón do porto. Esta é unha obra realizada polo alemán Mannfred Gnädinger ó longo de cerca de 30 anos. Está constituído por esculturas feitas con materiais ós que o mar lle foi dando forma ou arrastrando ata o lugar.

Museo do Alemán

Este singular personaxe chega Camelle a comezos dos anos 60 e decide quedarse a vivir en Camelle. Será a comezos dos anos setenta  cando decide levar  uha vida solitaria, retirándose a vivir a un pequeno habitáculo que constrúe na costa, onde hoxe se ubica o museo. O seu obxectivo consistía en vivir á marxe dos condicionamentos sociais establecidos e depender o menos posible do mundo que o rodeaba.

Este era Manfred

Despois de moitos anos de vida en pleno contacto coa natureza, será a partir do ano 2000 cando comecen os seus primeiros problemas de saúde, falecendo dous anos máis tarde, coincidindo coa catástrofe do Prestige. Dise que este desastre causou un grande impacto na súa saúde mental. Sendo incapaz de superalo, acabou morrendo de pena.  Trala súa morte, tanto a súa persoa como a súa obra recobraron unha gran forza, transformándose nun dos símbolos da Costa da Morte. “Man” como así se lle coñecía, quedou como un exemplo de inocencia e pureza espiritual fronte ós intereses materiais que dominan o mundo actual.

Outra toma do museo

Unha vez comezado o camiño, nada máis dar uns pasos, tivemos a sorte de observar varios exemplos da fauna costeira, como un cormorán e unha garza real ben acompañados por un grupo de gaivotas:

Cormorán

Garza

Unha vez observados o museo e as aves, comezamos a percorrer todo o longo da vila de Camelle, observando algúns oficios que se dan na enseada, ademáis da praia.

Gamelas

Paseo marítimo de Camelle

Unha vez chegamos á parte de atrás da praia, en vez de continuar o paseo, collemos pola rúa na que se encontra o centro médico e tamén hai un parque infantil, que nos leva metros máis adiante cara o coído de Sabadelle.

Praia de Camelle

Centro médico e parque infantil

Camiño do Coído de Sabadelle

Coído de Sabadelle

Dende aquí seguimos camiño cara o coído da Señora, o cal é a única saída do concello de Vimianzo ó mar aberto. Aquí puidemos contemplar un pequeno grande espectáculo, un pequeno rego que baixaba do monte e escorría coído abaixo.

Coído da Señora

Rego perdéndose entre as pedras

A partir de aquí poñemos rumbo cara a parroquia laxense de Traba. Durante o camiño, se facedes este camiño despois duns días chuviosos, o máis probable é que nos atopedes con grandes charcas difíciles de sortear, a única saída posible será  improvisar polas leiras adxacentes ó camiño.

Próximo obxectivo: penedos de Traba

Vistas dende este tramo do camiño

Unha das "pozas" que nos atopamos no camiño

Nós encontrámonos con ata tres destas pozas unha de dimensións máis que considerables, antes de chegar ós Penedos de Traba, unha gran morea de rochas fronte ó mar que adoptan variadas e caprichosas formas. Dende aquí xa podemos avistar a longa e fermosa  praia de Traba.

Penedos de Traba

A "Rá"

Praia de Traba dende os Penedos

Chegamos a Mórdomo e damos co aparcadoiro e área recreativa no que comeza a ruta que sube á pena. Aquí Temos dúas opcións, ir pola praia ou máis polo interior, nós decidimos ir máis polo interior e despois desviarnos cara a lagoa. Para os que optedes por este último, tendes que coller a estrada e uns metros máis adiante, coller unha pista de terra que leva a un observatorio de aves.

Área Recreativa

Observatorio de aves dende a estrada

Cando cheguedes ó observatorio, collede o camiño que bordea a lagoa ata chegar á pasarela de madeira, só teredes que seguila ata a área de descanso e aparcadoiros do outro extremo da praia.

Bordeando a lagoa

Camiño que bordea a lagoa

Área recreativa de Boaño, no outro extremo da praia

Dende o mirador cos bancos de pedra en círculo, continuamos por un camiño estreito con bastante maleza, pero que dura poucos metros. Durante este tramo pódense ver bastantes cousas: pescadores, coídos, furnas, a fermosa praia de Arnado, grandes e pequenas furnas e con sorte  algun miñato con algo que zampar… Sen dúbida o meu tramo favorito do roteiro.

Camiño dirección a Soesto

Coído

Fermosa furna (con pequena fervenza incluída)

Miñato (semellaba que levaba unha serpe nas súas garras)

Praia de Arnado

Casetas de pescadores

Ó final deste treito, chegamos á praia de Soesto, famosa polas súas olas e que recibe a constante visita de surfeiros. O seu merendeiro é grande e ben protexido do vento, perfecto para facer unha boa grellada.

Chegando a Soesto, co petón do castro á esquerda

Área recreativa de Soesto

Continuamos agora o camiño pola costenta pista que nos leva pouco a pouco cara o final do noso camiño, ubicado na vila de Laxe. Deixando atrás a praia e o petón do castro, ó que vos podedes acercar os que coma min sexades máis castróns (aínda que o camiño non é de todo malo), podemos ver xa a vila de laxe e tamén a ermida de Santa Rosa, dende a que teremos unha boa vista panorámica de toda a vila. Achegámonos pois ata a pequena ermida.

A pista é bastante empinada, pero xa case estamos chegando a Laxe. Ánimo!

Atrás imos deixando a fermosa praia de Soesto

E tamén o Petón do Castro (Vistas excepcionais da praia de Soesto)

E por fin Laxe!

Ermida de Santa Rosa

Vistas dende Santa Rosa

Baixamos agora seguindo as indicacións da ruta e adentrámonos en Laxe polo medio das súas estreitas rúas ata chegar á praza Ramón Juega, dende aquí achegámonos á igrexa de Santa María da Atalaia, pasando por debaixo do bonito arco medieval. Logo, tamén nos podemos achegar ata o dique, no que sempre se pode atopar xente pescando e encherse un do aroma mariñeiro que se desprende nesta zona da vila, que quedou ben plasmado no mundo da televisión gracias á serie da galega “Mareas Vivas”.

Adentrándonos nas estreitas rúas de Laxe

Igrexa de Santa María da Atalaia

Aquí me tendes no final do camiño hai uns anos

Outra cousa interesante que atopamos polo camiño foi unha gran cantidade de cogumelos, que aproveitamos para recoller e comelos despois. Sole púxose morada! jaja

Sole recollendo cogumelos 😀

Parece ser que se trata dun "Champiñón Silvestre"

E así remata unha nova andaina máis compañeiros, debo decirvos que toda persoa coa que fixen esta ruta quedou encantada con ela, espero que vós non sexades menos!

UN SAÚDO CAMIÑANTES!