Posts Tagged ‘Río Grande’

A Ruta Dos Muíños


Ola compañeiros de andaina! Aquí tendes un novo camiño como vén sendo habitual nestas últimas semanas. Desta vez, invítovos a viaxar ata o concello de Camariñas, corazón da costa da morte, pero non para percorrer o sendeiro que vai pola costa, senón o que vai a carón das marxes do Río Grande con principio e final na vila de Ponte do Porto.

Mapa / Perfil do roteiro

Valoración MIDE

Comeza o sendeiro na rúa situada a carón do Centro Médico, atoparédela sen problema gracias á indicación que hai na estrada que vai a Camariñas. Deixamos o coche e xa nos atopamos coa beira do río e o cartel de comezo do roteiro. Para comezar, máis que recomendable unhas botas e un pantalón impermeables. Se, como a min neste caso vos chove, non virá mal un chuvasqueiro ou mellor aínda un polar cortaventos e un sombreiro, pois os chuvasqueiros soen transpirar máis ben pouco e podemos acabar empapados non de auga, senón de suor.

Río Grande no punto de saída

Panel informativo

Ó pouco de comezar, atopámonos cun pequeno refuxio que ben seguro aproveitarán os pescadores para descansar. Eu aproveitei para axustar ben o equipo (é moi recomendable facer sempre unha parada  ós poucos minutos de comezar unha ruta para facer pequenos axustes no equipo) e tamén para sacar unhas fotos a uns enormes cogumelos que estaban por alí cerca.

Refuxio

Cogumelo (semella un boletus)

Seguimos o camiño pola marxe esquerda do río, e sentindo a forza coa que este afronta os últimos metros antes de chegar á Ponte do Porto. Máis adiante, atopámonos co primeiro muíño que veremos ó longo do percorrido, o coñecido como “Muíño de Mata” dun tamaño máis que considerable.

Sendeiro "estándar" da ruta

O río baixa con moita forza neste tramos

"Muíño de Mata"

Outra vista do Muíño

Continuamos polo sendeiro, totalmente paralelo á ribeira e volvemos a topar máis adiante outro muíño de gran tamaño, o “Muíño de Cota” e uns metros máis adiante unha ponte sobre o río que nos acerca a unha pequena área recreativa situada na marxe contraria do río. Podémonos acercar a descansar un pouco e sacar unhas fotos desde a ponte, para despois seguir o camiño pola marxe na que estábamos.

"Muíño de Cota"

Escaleiras? Curioso!

Ponte no lugar das Barrosas

Dende a ponte

Área recreativa

Continuamos o camiño polo estreito sendeiro, típico camiño marcado polos troiteiros que se achegan por alí. Neste tramo poderemos ver unha fonte pegada ó río moi curiosa, e poucos metros máis adiante, daremos cunha nova área recreativa outra ponte, nun lugar coñecido como “Basandín”.

Fermoso sendeiro, non si?

Curiosa fonte...

Área recreativa de "Basandín"

Ponte

Desta vez si que cruzaremos a ponte para cambiar de marxe e continuaremos agora río abaixo, é dicir, no sentido contrario no que estábamos a ir. Neste tramo iremos un pouco máis separados do río, pois entre nós e o río o terreo estará ocupado por prados e leiras traballadas.

Excelente para deitarse e botar unha sesta nun día de verán!

Máis adiante, chegaremos ao lugar das Barrosas, onde estaba situada a primeira área recreativa que visitamos. Atravesaremos as rúas, chegaremos á praza, e de aquí colleremos a rúa que baixa cara a Ponte do Porto. Sen embargo, non imos acabar tan pronto este roteiro, pois xa que estamos pola zona, non debemos deixar pasar a oportunidade de facer unha pequena derivación da ruta e achegarnos ata Cereixo (pertencente ó concello limítrofe de Vimianzo) para visitar a pequena vila, as súas impoñentes torres, o seu carballo centenario, a igrexa e o muíño de mareas. Cantas cousas para un lugar tan pequeno!

Rúa nas Barrosas

Praza do lugar

Rúa que baixa ata a Ponte do Porto

Ó chegar ó cruce, collemos cara a esquerda e cruzamos a estrada para camiñar polo paseo marítimo. É este un bo lugar para ver aves como patos, garzas e algúns mazaricos. Ó final do paseo, tamén poderemos descubrir un oficio tradicional como a carpintería de ribeira, nun pequeno varadoiro.

Paseo da Ponte do Porto. Ó lonxe, Cereixo

Patos

Varadoiro

Seguimos a carón da estrada ata chegar a Cereixo, e saíndo del á dereita, xusto despois de cruzar a ponte, achegámonos ó pequeno paseo a carón do rego que verte as súas augas ó Río Grande. Subimos polas escaleiras que hai uns metros máis adiante e podemos observar desde fóra do muro, as impoñentes Torres de Cereixo, que non poderemos visitar por ser privadas. Porén, poderemos visitar a igrexa de Santiago de Cereixo e o seu gran Carballo centenario.

Lugar de Cereixo

Torres de Cereixo (mágoa que non se podan visitar, aínda que foran só os xardíns)

Igrexa de Santiago de Cereixo

Carballo centenario

Baixamos as escaleiras, continuamos polo paseo, moi bonito e cheo de carteis informativos (así da gusto) e á altura da ponte xa podemos ver o fermoso muíño de mareas de Cereixo. Seguimos camiño e volvemos a dar coa estrada, así que tomamos dirección de novo cara a Ponte do Porto.

Curto, pero fermoso paseo

Muíño de mareas

Parte traseira do Muíño

Fachada frontal do muíño

Unha vez percorrido de novo o paseo pasamos o cruce polo que chegamos das Barrosas, e cruzamos a ponte que dá lugar á vila. Chama a atención cómo despois de ver a furia coa que baixaban as augas ó comezo do percorrido, agora estas baixan totalmente sosegadas. Tamén se tendes sorte podedes asustar a algunha garza, como pasou neste caso. Pena non ter aínda uns bos prismáticos!

Regresamos á Ponte do Porto

Quedan poucos metros para o remate do roteiro...

... non sen antes avistar unha garza! 🙂

Collemos á dereita despois de cruzar a ponte e xa só nos queda percorrer a beirarrúa ata chegar ó lugar do comezo do roteiro. Como poidestes comprobar, aínda que o concello de Camariñas é coñecido pola súa costa, o seu interior tamén agocha grandes e fermosas sorpresas. Por último, non quero rematar esta entrada sen dar antes a noraboa ó Concello polo perfecto estado de mantemento e sinalización ó longo de todo o percorrido. Un 10 para Camariñas!

UN SAÚDO CAMIÑANTES!