Posts Tagged ‘Moa’

Ruta Polo Monte Pindo I (O Fieiro – A Moa)


Ola Camiñantes! Qué mellor que comezar a nosa andaina neste este novo ano 2012 estreándoo cunha ruta polo Monte Pindo! Todos sabemos que era este un lugar sagrado para os celtas, pero tamén o é para os sendeiristas. Neste caso, ó non coñecer moi ben o lugar, decidín facer unha ruta curta, pero non por iso menos esixente. Esta comeza no lugar do Fieiro, a pé do encoro de Santa Uxía, e remata no cumio do Monte Pindo, o pico da Moa, a 600 metros de altitude e a poucos metros da ría de Corcubión.

Mapa e perfil do roteiro de hoxe (aproximados)

Para percorrer este camiño é aconsellable levar calzado impermeable se se fai en inverno, pois é moi posible que o camiño estea húmido e que se encontre algunha que outra poza. Evitaremos así estar pensando continuamente onde van pisar os nosos pés e así poder seguir un camiño o máis recto posible. Ademáis, é recomendable levar un pantalón forte que nos protexa das xestas. Tampouco esquecerse os que lle pase coma a min, que o máis pequeno raio de sol lles afecte, de que nunca está de máis un sombreiro ou gorra no alto dun monte, onde parece que non pero o sol pega forte, e moito. Preparados? Valoración MIDE do percorrido e comezamos!

MIDE do sendeiro

O comezo da ruta encóntrase nun pequeno lugar chamado O Fieiro, pertencente ó Concello de Mazaricos. Chégase a este lugar poucos metros despois de pasar por riba da presa do encoro de Santa Uxía. Nada máis chegar xa nos atopamos co punto de inicio á dereita, unha pequena área recreativa na que hai un panel informativo e un cartel sinalando as dúas variantes do roteiro.

Pequena área recreativa do Fieiro

Panel informativo da rutae pista que sube camiño da Moa

Ten este roteiro dous camiños distintos para chegar á Moa, xuntándose estes no merendeiro que está a poucos metros do cumio. Como neste caso só fixen que percorre a cara traseira do monte, noutra ocasión volverei para facer o percorrido polo outro camiño, que pasa pola cara costeira da montaña e polo pico Penafiel, outro cumio famoso do Monte Pindo

Cartel que indica as dúas variantes do camiño

Pico Penafiel dende O Fieiro

Dende aquí collemos a pista que sube, e que durante o primeiro quilómetro de percorrido apenas presenta dificultades. Neste primeiro tramo podemos botar a vista atrás para divisar algunhas aldeas do concello de Mazaricos, o encoro de Santa Uxía, o mirador do Ézaro ou o pico Penafiel.

Deixando atrás O Fieiro en busca da Moa

Os verdes prados de Mazaricos, vixiados dende o alto polos Montes da Ruña

Pico Penafiel e mirador do Ézaro

A partir do segundo quilómetro do roteiro, o terreo vaise facendo máis complicado para o camiñante, primeiro estreitándose e despois tornándose moi rochoso e con bastante pendente.

A partir deste cartel o camiño estréitase e vólvese máis irregular

Un exemplo do que vos podedes atopar durante gran parte do camiño

Superados aproximadamente os 2,5 quilómetros de ascensión, atopámonos o bastante elevados para divisar a vila de Carnota. Podémonos parar a ler o panel informativo sobre a historia e  flora do Monte Pindo antes de afrontar o último tramo da subida.

Sempre se agradece un panel informativo, e máis con estas vistas 🙂

Máis arriba, atopámonos cun cruce no cal nos podemos desviar cara o merendeiro para tomar algo antes de chegar á moa, ou ben afrontar os últimos metros da subida para alcanzar o cumio. Dende aquí, pódense adiviñar entre os piñeiros as vilas de Corcubión e Cee.

Carteis no cruce do roteiro

Corcubión ó lonxe

Merendeiro da Moa

Por fin, chegamos ó pico da Moa. Dende aquí arriba, temos unhas magníficas vistas en 360 grados de toda a zona, destacando a panorámica da ría de Corcubión.

Impresionantes vistas

A pé da montaña, a pequena vila do Pindo:

A vila do Pindo coa súa praia a pé do monte

A un lado, as vilas de Carnota e Lira:

Carnota, coa súa extensa praia e Lira co seu peirao

Ó outro, Fisterra, Corcubión e Cee ó lonxe:

Fisterra, co seu faro na punta

Corcubión e Cee no interior da ría

Máis cerca, a praia de Gures e a enseada de Caneliñas, lugar onde no ano 1986 pechou a última factoría baleeira de España:

Praia de Gures e enseada de Caneliñas

E por último, polo interior, máis alá do aspecto rochoso do Monte Pindo, o verde dos montes da Ruña:

Máis alá do Pindo, Mazaricos sempre verde.

Unha vez desfrutado desta marabillosa panorámica da Costa da Morte, só queda baixar polo mesmo camiño ata o Fieiro. Neste caso intentei (sen éxito) atopar o camiño que leva ó lugar pasando pola outra cara do monte e que sube ata o pico Penafiel, pero non fun quen de atopalo (todo se andará ;)) a quen si atopei mentres buscaba algún tramo deste sendeiro foi a un grupo de camiñantes de Vimianzo, ós que guiei con gusto ata a Moa e que me fixeron pasar un día estupendo en boa compañía. Ademáis de facer o descenso máis levadeiro. Por cousas como estas adoro o sendeirismo. Graciñas Antonio, Juan, Cristian, Paula, Antía e Darío! 🙂

Cos inesperados compañeiros no cumio

O grupo á chegada, cun paisano que resultou do máis faladoriño!

E así queda inaugurado o novo ano en Camiños Da Fin Da Terra amigos. Cando teñades ocasión pasádevos polo Pindo e desfrutade desas excelentes vistas! Feliz Ano!

UN SAÚDO CAMIÑANTES!