Posts Tagged ‘Mazaricos’

A Ruta Xalleira De Brandomil


Ola camiñantes! Canto tempo! E é que xa fai máis de dous meses que non se actualizaba Camiños Da Fin Da Terra. Pídovos desculpas pola longa espera, pero entre manifestacións, fins de semana ocupados coñecendo novas rutas e a miña incursión no mundo da tecnoloxía GPS, non tiven tempo para preparar ningunha entrada nova. Iso si, toda esta espera non foi en balde, pois como vistes, este tempo foi invertido para intentar mellorar esta pequena bitácora.

Desta vez anímovos a coñecer a primeira ruta que me invento, que consiste en camiñar polos arredores do río Xallas á súa altura polas parroquias de Brandomil, pertencente ó concello de Zas, e de Antes e Alborés, do concello de Mazaricos.É un roteiro este no que poderemos ver unha ponte romana, unha igrexa, un fermoso río, meternos dentro dun embalse, impregnarnos da vida gandeira que despiden estas terras, e tamén gozar de fauna tanto doméstica como salvaxe.

a

Mapa e perfil do roteiro

Atención, a ruta non está sinalizada!

A andaina comeza xusto a carón da ponte romana de Brandomil, que nos axuda a salvar o río Xallas. Neste lugar hai unha área de descanso bastante ben coidada, e agradable para unha churrascada. Sen embargo, a cercanía da estrada pódelle estragar a sesta a máis de un.

Área de descanso con mesas, fonte e parrillas

A fermosa ponte de Brandomil

Cruzamos a ponte e viramos á esquerda, para facer camiño río abaixo despois dun pequeno tempo camiñando, atoparémonos con outra ponte que deberemos cruzar, que nos leva a unha grande illa de gran extensión, se non me equivoco xa pertencente ó concello de Mazaricos. A algúns chamaranlle a atención unhas estructuras de madeira en forma de tabernas, servicios ou algo polo estilo. Estamos nin  máis nin menos que no lugar onde se celebra a concorrida festa da fervenza, que tanta fama ten en toda a volta. Sen embargo, eu son máis de camiñar ca de verbenas, e moito menos de deixar tirado o lixo que, desgraciadamente, abunda en certos recunchos da ruta en gran parte debido á festa.

Á esquerda!

A ponte que nos leva á illa

Xa estamos na illa

Continuamos bordeando a illa en sentido das agullas do reloxo ata chegar a unha pequena ponte que debemos cruzar para ir camiño da aldea de Ribadeza. Durante o camiño podemos ver a forma de vida do lugar, predominantemente agraria e gandeira. Non hai máis que ver os pastos cheos de vacas e ovellas. Tractores para un lado, tractores para o outro..

Unhas ovellas bebendo no Xallas

Ponte que nos leva cara Ribadeza

Típica estampa Xalleira

A vaquiña era curiosa, pero non máis que os habitantes de Ribadeza 😀

Muíño nos arredores de Ribadeza

Unha vez pasado Ribadeza, toca cruzar de novo o río, e desta vez vemos a grande anchura que ten o río, pois estamos nas inmediacións do encoro da Fervenza,  máis exactamente poderíamos dicir que estamos sobre el.

Cara un lado…

… e cara o outro

Unha vez pasado este o camiño continua por varias pistas polas que podemos seguir sentindo a vida agraria e gandeira da zona, ata chegar ó lugar de Quintáns.

Un equino sorprendido!

Dende aquí chegamos a Padreiro, xa moi cerca de Brandomil, onde visitaremos a súa igrexa, para rematar pouco despois no punto de inicio, a Ponte de Brandomil.

Sen comentarios 😀

Chegando a Brandomil

Igrexa de Brandomil

Principio e final do roteiro

Unha ruta pequena, sen sinalizar e penso que bastante mellorable, dádeme tempo, todo se andará! E tamén aproveito para informarvos de que esta primavera está habendo moitas iniciativas neste ámbito, gracias os concellos de Camariñas, Vimianzo e Ponteceso, así como da Asociación Ambiental Senda Nova, da que vos podo dicir que realizan uns roteiros realmente espectaculares, fermosos, moi didácticos e tremendamente ben organizados. Tamén dende Neria se están comezando a facer roteiros, aínda que non fun quen de atopar información aínda. Déixovos ligazóns con información do que se está “cocendo” pola zona:

Programa de roteiros de Vimianzo, Camariñas e Ponteceso: http://www.quepasanacosta.com/?p=14877

Web da asociación ambiental Senda Nova: http://www.sendanova.org/

UN SAÚDO CAMIÑANTES!