Posts Tagged ‘Furna’

Ruta Malpica – Caión I (Malpica – O Riás)


Que pasa camiñantes! Canto tempo! Despois de un tempo sen descubrirvos un novo camiño, chegou o momento de facelo, e de facelo ó grande, cun fermoso roteiro e sumando ademáis un novo concello á nosa lista particular de municipios visitados. Trátase da ruta Malpica – Caión, un longo roteiro duns 30 quilómetros aproximadamente, que vos descubrirei en dúas etapas. Antes de nada, quérolle dar as gracias ó meu colega David por acompañarme nesta aventura, a ver cando facemos a seguinte meu!

Aquí temos a David en acción!

Neste primeiro capítulo do percorrido, comezaremos o traxecto no porto da vila mariñeira de Malpica, e finalizarémolo na praia do Riás, na parroquia malpicana de Cambre, despois duns 12 quilómetros de andaina. Durante o camiño visitaremos, entre outras cousas, un pazo, muíños de auga á beira do mar, praias fermosas, furnas e moitos cantís. Que vos parece? Pinta ben a cousa non? Pois non vos fago esperar máis. Mapa, valoración MIDE e adiante!

Mapa e puntos máis interesantes da ruta

A única recomendación que vos dou para facer este camiño é que levedes un pantalón medianamente forte para o tramo de desmonte que hai que atravesar cerca dos muíños de Ardeleiro, pois hai que camiñar entre bastante maleza e toxos.

MIDE

Comezamos no porto de Malpica, para coller pola rúa “Agra del río” e subir ata a estrada que vén do campo de fútbol. No cruce cóllese á esquerda, onde xa nos atopamos un cartel indicativo do roteiro, unha minúscula área recreativa e a capela de Santo Antón.

O porto de Malpica, recentemente remodelado

Amencer no porto de Malpica

Rúa "Agra del río" Ánimo que empezamos forte! 😉

Se nos damos a volta durante a subida, vemos as illas Sisargas e a ermida de Santo Hadrián do mar

Capela de Santo Antón

Continuamos pola estrada e poucos metros máis adiante, atopámonos cun peto de ánimas. Seguimos e no cruce collemos á esquerda, pola pista máis pegada ó mar. Durante este traxecto, vemos a punta do muelle de Malpica, todos os cantís que percorreremos ó longo do camiño de hoxe, e tamén unha pequena illa coñecida pola xente do lugar como “A Barca De Maghé”.

Peto de ánimas despois de pasar a capela

Un longo camiño por diante...

Deixando atrás Malpica, e abaixo, a "Barca de Maghé"

Seguindo as indicacións, déixase o asfalto para camiñar un tramo por pista de carros, e ó rematar esta, cando se chega de novo á pista asfaltada, hai que estar atento e coller o camiño que está xusto á esquerda. Un pouco máis adiante nunha encrucillada, débese seguir de frente, e ó finalizar a pista, á esquerda, xa camiño de Ardeleiro. Neste tramo, cerca do último cruce, atopeime cunhas intrigantes pegadas, que aínda hoxe non teño claro de que animal poden ser…

Ó fondo, o lugar de Fonte dos Bois

Misteriosas pegadas, todo apunta a un tipo de mustélido

Máis adiante, cando xa se ven as primeiras casas do lugar de Ardeleiro, hai que tomar un cruce á esquerda en dirección á costa, e ó chegar a uns prados hai que atravesalos e descender por un pequeno tramo duns douscentos metros cheo de toxos, para chegar ó fermosos muíños de Ardeleiro.

Lugar de Ardeleiro

Cruce en dirección á costa

Un pouco máis adiante, á dereita, está o prado que debemos atravesar para chegar ó desmonte

Este é o desmonte. Parece que non hai camiño pero haino!

Resulta este lugar sen dúbida encantador, no que se atopan cinco muíños tradicionais restaurados moi cercanos ó mar ademáis de unha impresionante furna:

Os muíños e o rego vertendo a súa auga ó mar

encantador non si?

os muíños máis interiores

Subimos cara o aparcadoiro e dende alí cóllese a pista que leva ó lugar de Loroxo, para isto hai que coller no desvío á esquerda, pois o da dereita leva a Ardeleiro. Unha vez en Loroxo, pódese ver o pazo, co seu grande e fermoso escudo na fachada.

Pazo de Loroxo

Escudo do Pazo

Volvemos sobre os nosos pasos e continuamos pola estrada ata o lugar do Ceán, atravesándoo completamente e tomando o desvío que leva ó campo de fútbol. Alí cóllese á esquerda por unha pista forestal que nos leva de novo en dirección á costa. Aquí atópanse uns sinais que cando menos resultáronme curiosos.

Atravesando o ceán (foto tomada en sentido inverso á marcha)

Terras de Malpica

Respeten por favor!

Coidado coa pendente

Continuando o descenso, camiño da praia de San Miro, encóntrase gran cantidade de piñeiros cerca do mar, cousa habitual durante todo o camiño.

Descendendo cara San Miro

Entre os piñeiros asoman, ó lonxe, Malpica e as Sisargas

Acabando o descenso, atopámonos coa fermosa praia de San Miro, un lugar perfecto para pasar unha tarde tranquila, buscando crebas no coído que se atopa no fondo desta ou contemplando a fermosa fervenza que percorre o seu lateral e que morre directamente no mar.

Praia de San Miro

Nas rochas asoman vetas de seixo

A fermosa fervenza de San Miro

Dende aquí séguese o camiño pegado á costa subindo pola costenta pista forestal e ó rematar o ascenso, á esquerda pódese desviar para contemplar unha espectacular furna con tres buratos, coñecida como a “Furna das Grallas”.

Seguindo o camiño, despedímonos da praia de San Miro

Furna das grallas

Outra vista da furna das grallas

Voltamos de novo sobre os nosos pasos e continúase pola pista de terra, seguindo os sinais oficiais de sendeirismo. Durante este longo tramo iremos rodeados de gran cantidade de piñeiros, e no medio un pequeniño tramo de Carballos, todo isto antes de chegar á fermosa praia do Riás, a cal desaparece en gran parte cando sobe a marea.

Gran parte do percorrido discorre entre piñeiros

E un tramiño entre carballos (foto en sentido inverso á marcha)

Praia do Riás coa marea alta

Durante este tramo, e tamén nos anteriores, pódense ver unha boa cantidade de pescadores que acoden ós cantís a practicar o seu pasatempo favorito

Pescando nos cantís

Fantástico este roteiro pola costa malpicana, moi aclamado en concreto polos practicantes de btt. Espero facer a seguinte metade pronto e amosárvola canto antes, porque ben seguro que será igual de fermosa que a primeira 🙂 En canto a vós, espero que desfrutárades deste novo roteiro e, coma sempre, que isto vos anime a percorrelo. Ata a próxima, vémonos nos camiños compañeiros! 😀

UN SAÚDO CAMIÑANTES!