Posts Tagged ‘Faro de Laxe’

O Sendeiro Da Ínsua


Ola compañeiros! Que tal esa ponte de Decembro? Aproveitastes para saír a facer algunha andaina? Eu non parei! Foi o domingo cando decidín voltar ás terras de Laxe e coñecer esta nova ruta que vos ensino nesta nova entrada: o Sendeiro da Ínsua. Un camiño que percorre todo o perímetro deste monte do Concello laxense, sen perder de vista o mar durante toda a volta.

Mapa e perfil

Para facer este camiño, recoméndovos un pantalón forte para non picarvos coas xestas, e sobre todo un bo cortaventos, pois nesta zona o vento sempre sopra con moita forza.

Valoración MIDE

Comezamos o itinerario no paseo marítimo de Laxe, de lado do posto de información turística, onde hai uns paneis informativos do roteiro. Dende aquí dirixímonos cara a praza Ramón Juega, que moitos de vós coñeceredes de sobra gracias á serie da TVG  “Mareas Vivas”.

Preparados? Comezamos!

Paseo marítimo de Laxe

Praza Ramón Juega

Despois de pasar o fermoso arco medieval chegamos ata a igrexa de Santa María da Atalaia (onde podemos tomar algunhas fotos da praia e do porto) e, seguindo as indicacións, torcemos á esquerda por unha estreita rúa que sube. Cando cheguemos arriba collemos á dereita e dámonos conta de que imos deixando as casas de Laxe pouco a pouco.

Pasando debaixo do arco...

Vista de Laxe dende o adro da igrexa

Porto de Laxe

Típica rúa de Laxe

Chegamos a un pequeno mirador – merendeiro. Dende aquí podemos observar tanto a parte da baía de Laxe como a parte que enfoca Camelle ó lonxe. Desde aquí torcemos á dereita, pero voltaremos polo camiño da esquerda.

Mirador: á dereita!

Laxe á dereita...

Enseada da Baleeira e Camelle (tapado pola néboa) á esquerda

Ós poucos metros, deixamos o asfalto e collemos o estreito camiño de pescadores, en vez de continuar a baixada ata a estación depuradora que está ó pe da antiga canteira, e comezamos o auténtico camiño, deixando atrás Laxe, e tamén Corme e a ría  á nosa dereita .

Comeza o bo!

Estación Depuradora ó pé da antiga canteira

Deixando Laxe atrás...

Este treito vai a carón dos grandes cantís do monte da ínsua, e ademáis de observar a fermosura destes, tamén podemos aproveitar para ver algún cormorán lanzándose en picado ou buceando en busca de alimento. Segundo imos deixando Laxe atrás, ímonos acercando e vendo cada vez mellor a vila de Corme do outro lado da Ría, co seu famoso cabo Roncudo na punta.

Coidado coa pendente meus!

Corme

Cabo Roncudo

Algúns cantís desta zona son sinxelamente espectaculares, e máis se facedes o camiño un día no que haxa moito mar. Esta semana de alerta vermella por mar de fondo é perfecta, así que os que poidades, aproveitade!

Impresionante, non si?

Ondas batendo 1

Ondas batendo 2

Ondas batendo 3

Despois duns minutos de camiño, chegamos ó faro de Laxe, lugar visitado frecuentemente e no que podemos contemplar dunha gran vista do litoral, sobre todo durante o solpor. Conta cunha curiosa zona de merendeiros, colocados polo monte arriba e que pola súa forma recordan a un castro celta. Bo lugar para tomar algo antes de seguir co camiño. Aquí tamén podemos atopar unha estatua de recente construcción, chamada “A Espera”, que reflexa a angustia dunha nai e o seu fillo esperando ó seu esposo mariñeiro, o cal nunca chega. É moi frecuente ver a xente sentada arredor desta escultura calada e reflexionando en silencio, ademáis de disfrutando da paisaxe, durante un tempo.

Faro de Laxe

Curiosa zona de merendas

"A Espera"

Unha vez repostas as enerxías e admirado a paisaxe, continuamos o roteiro, deixando atrás o faro e a ría, e encarando a nosa vista cara Camelle e Arou ó lonxe, e cara as enseadas de  Soesto e Baleeira, estas máis próximas. É un tramo este, ó igual que o anterior, perfecto para sentir a forza do mar batendo contra os cons ademáis de observar aves mariñas.

Deixando atrás o faro

Camelle e Arou ó lonxe, punta do Catasol á esquerda

Petón do castro e enseada de Soesto

Ó final do tramo, encontrámonos coa furna da escuma, e rápidamente vos daredes conta de por qué recibe este nome. Metros máis adiante, chegamos ó cemiterio do municipio e, ós pes deste, a pequeniña pero fermosa praia dos cristais. Esta minúscula praia está formada por milleiros de pequenos cristais de diferentes cores que o mar foi pulindo pouco a pouco co tempo. Parece ser que a orixe deste pequeno espectáculo está nunha costume moito menos bonita, que consistía en que os veciños tiraban o lixo nas inmediacións da praia. Por sorte, a forza da auga e as correntes mariñas minimizaron o impacto dando lugar a esta curiosa praia.

Furna da Escuma

O mar batendo con forza na furna da escuma

Praia dos cristais

Entre o petón do castro e o cementerio, atrás queda a enseada da Baleeira

Subimos a costenta pista asfaltada e chegamos ó mirador onde o comezo da ruta nos desviáramos á dereita. A partir de agora só nos queda desfacer camiño ata chegar ó noso punto de partida, e quedarnos a tomar algo en calquera dos moitos locais que nos ofrece a vila.

Volvendo polas estreitas rúas de Laxe...

... chegamos de novo ó punto de partida.

Como podedes comprobar, resulta este un camiño fermoso (incluso en días nubrados), fácil e de pouca duración, polo que ninguén ten excusa para non facelo. Ademáis, é un sendeiro oficial homologado pola federación galega de montañismo, así que podedes ampliar información na súa web.

UN SAÚDO CAMIÑANTES!