Posts Tagged ‘Eirita’

O Roteiro Da Raposa “Anosa”


Saúdos unha semana máis camiñantes! Nesta nova entrada volvemos a pisar terras cabanesas por un camiño moi pouco coñecido, pero sen embargo moi ben coidado, con bastantes sinais e tamén numerosos paneis informativos ó longo do percorrido. Trátase do “roteiro da raposa Anosa”, que nos convida a visitar os lugares máis bonitos da parroquia cabanesa de Anos.

Mapa, perfil e puntos de interese da ruta

Características MIDE deste percorrido

O roteiro comeza na igrexa de Santo Estevo de Anos. Acercámonos a visitala antes de comezar a andaina. Esta igrexa posúe nun lateral sete canzorros, esculpidos con diferentes formas que sobresaen do edificio.

Igrexa de Santo Estevo

Curiosos Canzorros no lateral da Igrexa

Outra vista da igrexa, co cruceiro en primeiro termo

Ademáis, aquí atopase o primeiro dos paneis informativos da ruta. Durante todo o percorrido os paneis e sinais son moi abundantes, cousa moi de agradecer para os sendeiristas. No caso deste roteiro, hai paneis informativos sobre cogumelos, partes dun muíño, etc.. Todo a través da raposa “Anosa” que con moita simpatía nos dá a benvida ós diferentes lugares da parroquia, así como tamén nos dá consellos sobre os cogumelos. Aquí vos deixo uns exemplos dos carteis que vos podedes atopar se un día facedes a ruta:

Panel informativo cargado de información, como debe ser

Cartel de benvida ós diferentes lugares

Consellos sobre os cogumelos...

Información nos puntos de interese... Que aguda é esta raposiña! 😀

Comezamos! Súbese a pequena costa e tómase camiño á dereita. Metros máis adiante hai que tomar de novo á dereita, afastándonos da vía principal por unha pista forestal. Ó pouco de comezar a pista, xa se volve a torcer de novo á dereita por un camiño de carro. O desvío está indicado, pero o sinal encóntrase cuberto pola maleza e non está moi visible. A partires de aquí, este treito está rodeado de piñeiros e eucaliptos, e sobre todo ben sinalizado.

Este é o camiño que debedes seguir

Sendeiro durante este treito

Logo duns minutos, chegamos a unha pequena estrada provinte da igrexa e que vai dar ó lugar de As Pedras. Tómase, pero ós poucos metros vólvese a tomar unha pista forestal á esquerda. Por este camiño hai que subir unha pequena pero costenta pista forestal e pasar por outro tramo de piñeiros e eucaliptos. Finalmente, chégase á parte traseira das Pedras, e atravesando a estreita rúa, un pouco máis adiante, ó lugar de O Piñeiro, onde me levei unha “pequena mala impresión”.

Un... estanque? cerca da estrada

Neste cruce atoparédesvos cun panel informativo de cogumelos (hai sete espallados ó longo do roteiro)

Anos ó lonxe

Estreita rúa nas Pedras, camiño do Piñeiro

Pequena mala impresión: non custa nada levar o lixo a un punto limpo señores!

Seguindo os sinais volvemos a coller outra pista forestal que nos levará, despois dun bo anaco, ata o lugar de A Enfesta. Resultou este ser un camiño moi agradable, pero cun par de problemas coa sinalización. O primeiro chega despois de subir a costa que empeza a carón dun bonito prado regado polo rego de Anos. Ó acabar de subir a costa, aparecen ante nós tres desvíos, dos cales hai que tomar o da dereita. Unha vez tomado este, no seguinte cruce, no lugar de seguir o camiño, hai que torcer á esquerda.

Árbore chea de liques, o que indica unha gran pureza no aire

Pequeno prado atravesado polo rego de Anos (foto tomada en sentido inverso á marcha)

Primeiro cruce non sinalizado: á dereita

Segundo cruce non sinalizado: á esquerda

A partir de aquí todo é seguir o camiño ata o final, que vai a dar a unha estrada a poucos metros do lugar de A Enfesta. Xusto antes de entrar no lugar, os que coma min vos gusta facer o castrón, tendes o lugar perfecto para perdervos polo monte e descubrir lugares descoñecidos un anaco antes de seguir o itinerario do roteiro. Impresionante recuncho atopei. Aí o deixo 😉

Xa na Enfesta, debo dicir que resultou ser este lugar unha auténtica sorpresa, tan pequeno como encantador. Despois de pasar as casas, atopámonos cun bonito rego que baña un prado no que se atopa un fermoso muíño acompañado de algunhas árbores e, seguindo o camiño poucos metros máis adiante, hai un desvío cara unha fermosa fervenza. Ademáis, nas inmediacións desta atópase un antigo muíño moi curioso, pois ten o tellado en forma triangular, cousa nada común nun muíño. Ademais, este tiña unhas misteriosas inscripcións na porta que non dei chegado a descifrar. Déixollo ós máis curiosos! 😀

Precioso lugar

Outra vista do muíño

Fermosa fervenza non si? 🙂

Muíño de curiosa arquitectura

Unha vez retomado o camiño, continúa a andaina cara o lugar de Miraflores, no que me deron a benvida unhas vaquiñas, que por un momento parecían preguntarse: quen é este? 😀

Vaquiñas en Miraflores

Xa na estrada, un pouco máis adiante atopámonos coa bonita capela da Eirita, e seguro que tamén cun bonito can que vive na casa do lado, e que me fixo compañía mentres parei por alí a comer. Persoalmente, decidín bautizalo como Timi debido á súa timidez 🙂

Capela e cruceiro da Eirita, e tamén a miña vara máxica jeje 😀

"Timi" e o cruceiro

Neste lugar atópanse dúas cousas curiosas: a primeira está no cruceiro. Se vos fixades, o capitel está do revés.

Capitel invertido

A segunda, son os sentadoiros que hai na parede da construcción a carón da capela:

Sentadoiros apegados á parede

Dende aquí, despois de despedírmonos de Timi, seguimos o camiño cara o alto da Pena da Eirita, un pico a uns 270 metros de altitude dende o que podemos obter unhas preciosas vistas da zona, mágoa que comezara a chover e non puidera sacar unhas fotos mellores.

Comezo da subida

Lugar de Iñaño

Ría de Corme e Laxe cara á costa

Cara ó interior, o pico de Meda

O val de cundíns e a zona de Malpica ó fondo

Baixamos e continuamos pola estrada. Ós poucos metros á dereita, está a fonte santa.

Seguimos camiño e tomamos un desvío á dereita que non está indicado. Que non vos pase coma a min ou perderedes un tempo precioso 😉 Este tramo é bastante longo, pasa polas inmediacións primeiro de Os Anles, despois da Remisqueira ata chegar a cerca do lugar da Hermida. Cabe dicir que este tramo está actualmente atravesado polas obras da autovía da Costa da Morte, esperemos que unha vez finalizada esta o roteiro poda seguir facéndose, aínda que haxa que dar un pouco máis de volta. Dito isto, direivos tamén que durante o camiño colleume a choiva e tamén unha granizada CAMPAL, perfecta para comprobar a boa calidade do meu equipo e desfrutar máis se cabe do camiño. Non estou tolo, encántame a natureza! 😀

Terceiro cruce non sinalizado: á dereita

Unha curiosa cruz no medio do monte

Se vos atopades unha poza deste calibre, non queda outra que tirar de alma de castrón e atravesar polas silvas das leiras adxacentes 😉

Obras da autovía da Costa da Morte atravesando o roteiro. Só tendes que seguir máis ou menos de frente á dirección que levábades

Pouco antes de finalizar este tramo, hai un desvío á esquerda que nos leva ata o que antigamente foi unha mina de seixo, comprobámolo “in situ” pola gran cantidade de seixos que se atopan no camiño.

Nesta zona atópanse moitos seixos no camiño a carón da antiga mina

Continuamos uns metros máis o camiño, cruzando a estrada, e chegamos ó lugar da Hermida, cunha fermosa carballeira que dá sombra á capela de San Roque. Nas inmediacións tamén se atopan unha fonte e un cruceiro.

Ermida de San Roque, custodiada polos centenarios carballos

Fonte de San Roque

Cruceiro da Hermida, coa carballeira e a capela en segundo plano

Afrontamos xa o último tramo do roteiro, atravesando de novo as obras da autovía e pouco máis adiante camiñando por unha pista que xa se nos fai coñecida, verdade? Xa só nos queda facer o pequeno tramo ata a Igrexa de Santo Estevo, e damos por finalizada o “camiño da fin da terra” de hoxe.

De novo temos que atravesar as obras da futura autovía

Volvemos ó cruce no que nos desviamos (quedando agora á esquerda)

De novo en Anos

Desta vez os únicos animais que puden ver foron domésticos (exceptuando á raposa Anosa, claro) 😉

A modo de valoración final, direi que me sorprendeu moi gratamente este roteiro, dada a inexistente información que hai deste na internet. Ademáis, agradécese a gran cantidade de paneis informativos e sinais, a pesar de que falten algúns. Pero sobre todo isto, os fermosos paisaxes que ten esta zona, descoñecidos ben seguro incluso por moitos habitantes dos arredores. Quero darlle as gracias dende aquí a Lutxo, un rapaz de Anos que me atopei un día camiñando pola ribeira e que me falou deste roteiro. Graciñas Lutxo! E falando de xente de Anos, aproveito para saudar dende aquí ás miñas amigas Tania e Karina, que espero que lean estas novas liñas desta miña bitácora. Quero coñecer a vosa impresión desta nova entrada, agardo polos vosos comentarios!

Feitas as valoracións finais, os agradecementos e as peticións, direi algo que levo querendo dicir dende que rematei este roteiro hai unhas semanas: Cabana, nunca deixarás de sorprenderme! 🙂

UN SAÚDO CAMIÑANTES!