Posts Tagged ‘Cabana’

A Ruta Arqueolóxica De Borneiro


Boas Camiñantes! Como van esas andainas? Espero que o inverno non vos estea botando para atrás á hora de saír a camiñar! 😉

Esta semana convídovos a coñecer outra das rutas que agocha o municipio de Cabana de Bergantiños, e que percorre a parroquia de Borneiro, visitando os lugares máis pintorescos desta, con especial atención ós dous monumentos máis importantes: o Castro “A Cidá” de Borneiro e o Dolmen de Dombate, a catedral do megalitismo galego.

Mapa (aproximado) e perfil do roteiro

 

Como podedes ver aquí abaixo, este camiño apenas ten dificultade, polo que desta vez non hai nada especial que recomendarvos en canto a roupa. Aínda que os días húmidos se poden formar pozas polo camiño, as pistas son anchas e sempre hai por onde bordealas.

 

Características MIDE da ruta

O inicio do roteiro sitúase no castro “A Cidá” de Borneiro (onde se xunta esta ruta coa do rego dos muíños que xa vimos na primeira entrada desta bitácora). Concretamente na entrada inferior, a carón dunha pequena área recreativa e os dous últimos muíños da ruta do rego dos muíños.

Comezo da ruta dende o aparcamento

Muíño (curiosas esas lousas de pizarra a modo de teito)

Pequena área recreativa con paneis informativos sobre o castro

Panel informativo da ruta e primeiro sinal

Dende aquí comeza unha costenta ascensión cara o alto da fernandiña, o cumio máis alto do monte Gontón. A ascensión discorre maiormente por unha pista forestal bastante ampla, rodeada de carballos, piñeiros e eucaliptos.  A duración deste tramo é de pouco máis de media hora.

Lugar de Fontefría, durante a subida

Durante o camiño aparece este cartel dándonos a benvida

Aínda que o camiño se intúe, neste cruce non hai sinal (e das pintadas mellor non fiarse). Á esquerda!

Impresiona este tramo final da subida verdade?

Unha vez no alto da fernandiña, podemos desfrutar dunhas bonitas vistas da ría de Corme e Laxe e da parroquia de Borneiro, así como doutros lugares dos arredores.

A ría, coa Parroquia de Canduas en primeiro termo e Corme ó fondo

Desembocadura do Anllóns

Neaño máis cerca, despois Ponteceso e a zona de Malpica ó fondo. En días claros pódense ver fácilmente as illas Sisargas

Terras de Anos e Pico de Meda (Zas) ó fondo

Aldeas de Borneiro dende o alto

O Monte Castelo de Borneiro

Unha vez desfrutado destas vistas, toca descender en dirección a Borneiro pola cara traseira destes do monte Castelo. O camiño discorre por unha longa recta ata chegar a un cruce que hai que tomar á dereita, e logo continuar ata dar coa estrada que conecta Borneiro co lugar de Muriño, xa no Concello de Zas. Este tramo soe estar cheo de pozas, que aproveitaron as ras para depositar os seus ovos. Cabe tamén dicir que durante este tramo bordearemos outro castro, o castro de Borneiro (non confundir coa Cidá) pero neste caso, está sen excavar.

Camiño que nos vai levando cara Borneiro bordeando a cara traseira do Castelo

Durante este tramo temos vistas da zona interior de Cabana e Zas, neste caso vemos ó lonxe o lugar da Eirita

Ovos de Ra

Cágados

Semella que neste caso mamá ra non chegou a tempo á poza :S

Xa na estrada, cóllese á dereita en dirección a Borneiro. Esta estrada sube durante uns metros. Ó finalizar esta pequena subida, os que queirades facer o castrón (xa había tempo que non facíamos o castrón eh? 😉 ) podedes aventurarvos por unha pista á dereita en busca da “Igrexa dos lobos”, un dolmen natural que servía antigamente de refuxio ós pastores do lugar e o cal non fun quen de atopar (todo se andará, xa me coñecedes 😀 ). Tamén podedes subir ata o monte Castelo de Borneiro, aínda que xa vos aviso de que non hai un camiño marcado e teredes que andar entre xestas e toxos para intentar chegar ó cumio. Fagades ou non o castrón, logo a estrada baixa ata chegar ó lugar de Borneiro. Entrando á esquerda sitúase a casa de Manuel Lema Otero, un recoñecido pintor naif do Concello.

Deixando atrás o monte Castelo

Entrando en Borneiro

Casa de Manuel Lema Otero

Máis adiante, chegamos a unha pequena Carballeira cun cruceiro, e en lugar de seguir a ruta, pódese torcer á dereita para visitar a igrexa de Borneiro.

Pequena Carballeira con cruceiro. Dereita: Igrexa. Esquerda: Continuar a ruta. Vós decidides!

Igrexa de San Xoán de Borneiro

Logo de visitala, volvemos sobre os nosos pasos e continuamos o camiño cara o lugar do Briño. Durante este treito podemos ver algúns cruceiros (abundantes por toda a parroquia) e unha chamativa árbore.

Chegando á igrexa...

Cruceiro na entrada do lugar de Vistalegre

Árbore de caprichosa figura

De momento chega non? Logo máis 😉

Crúzase a estrada xeral e continúase ata chegar á capela do briño, coa súa bonita fachada frontal. Tamén existe unha área recreativa con mesas, parrillas e un parque infantil, ideal para descansar e tomar forzas para continuar o camiño.

Fachada frontal da capela do Briño

Cruceiro do Briño

Mesas e parrillas da área recreativa

Parque infantil

Continúa o camiño cruzando a pequena ponte que sortea o pequeno rego e percorremos a estrada primeiro rodeada de árbores e despois de prados ata chegar á aldea de Dombate, coas súas estreitas rúas.

Cruceiro entre as árbores

Os verdes prados que nos dan a benvida á aldea de Dombate

Rúa de Dombate

Cruceiro de Dombate...

... galiñas de Dombate 😀

Unha vez comezamos a saír do lugar por fin nos atopamos co maior monumento do concello de Cabana de Bergantiños:  o Dolmen de Dombate. Este monumento megalítico, despois de moitos anos de polémicas e deixadez por fin obtivo o recoñecemento que se merece, contando actualmente cunha excelente cuberta e un magnífico centro de interpretación.

Centro de recepción e interpretación

Cuberta actual do Dolmen

Xa dentro, vista frontal do monumento

Vista lateral...

... e vista traseira. Impresiona a altura das lousas que posúe.

Logo da visita continua o camiño e antes de chegar á escola unitaria, cóllese por un camiño á esquerda que nos leva ó lugar de Vilaseco.

Será por cruceiros en Borneiro xD

Chegando a Vilaseco, outra cruz

Ó chegar ó centro do lugar torcemos á esquerda e continuamos ata atoparnos de novo coa estrada xeral, a carón da Fonte de Vilaseco. Cruzamos e de frente damos coa pista que nos leva á entrada superior do castro A Cidá, principio e final deste roteiro.

Antes de chegar á Cidá podémonos atopar algún esquío polo camiño 🙂

E por fin, finalizamos o roteiro no verde Castro "A Cidá" de Borneiro

Muros da entrada inferior

A buscar o lagartiño! 😉

Para rematar esta entrada, fareino descubríndovos unha bonita festa que ten lugar aquí tódolos anos, chamada “O Castro Animado”. Nesta festa a xente do lugar disfrázanse de castrexos, e lévanse a cabo diversas actuacións. Na última edición actuaron unha parella de acróbatas e dous paiasos. Tamén houbo unha representación dunha escena de loita entre guerreiros castrexos e un grupo de gaitas amenizando a festa.

Ambiente no Castro Animado

Actuación dos acróbatas

Tamén se poden degustar productos típicos durante a festa, e ó remate desta ten lugar unha churrascada na área recreativa. Nesta festa tamén participaron os rapaces que viñeron no verán ó campo de traballo do Concello e pasárono estupendamente. A verdade é que esta festa resultou realmente divertida e entretida.

Rapaces do Campo de Traballo caracterizados para a ocasión

Churrascada na área recreativa para acabar (ou seguir) coa festa 🙂

E ata aquí a ruta arqueolóxica pola parroquia de Borneiro amigos! Como podestes comprobar, o nome do roteiro está ganado a pulso. Como non podía ser doutra maneira, anímovos a facela ou polo menos a que visitedes a Cidá e o Dolmen, e por suposto tamén a que vos acerquedes a desfrutar da festa do Castro Animado este próximo verán!

UN SAÚDO CAMIÑANTES!

Tralas Pegadas Dos Riobó…


Ola Amigos, aquí me tendes unha nova semana descubríndovos algúns dos mellores camiños da Costa da Morte. Esta semana amosareivos outro camiño situado no Concello de Cabana de Bergantiños: a ruta “Tralas Pegadas dos Riobó”, que percorre varios lugares da Parroquia de Riobó, na que se agochan algunhas auténticas sorpresas. Como sempre, déixovos mapa, perfil e características MIDE da ruta antes de comezar:

Mapa e perfil da ruta

Características MIDE (faise ben non?) 😉

 

A ruta comeza xusto na entrada do lugar da Mata (vindo da parte de Neaño, Corcoesto ou Ponteceso). Podemos deixar o coche no bar “Josefa”, onde se pode mercar algo antes de comezar o camiño, pois tamén teñen un pequeno súper. Dende aquí, cruzamos a estrada e tomamos a pista que baixa cara a pequena aldea de Riobó, que dá nome á parroquia. Xa por este tramo podemos comprobar que o roteiro se desenvolve por unha zona de numerosas elevacións e depresións, formando numerosos vales que pequenos regatos aproveitan para conducir as súas augas, e dando lugar así a varios pequenos núcleos de poboación, como A Barcia, que visitaremos máis adiante, e que podemos divisar dende o camiño que nos leva a Riobó:

Dando os primeiros pasos por esta zona de vales

Un pouco máis adiante, xa nos topamos coa primeira das pequenas aldeas que nos toca visitar nesta ruta: Riobó. Un pobo tan encantador coma pequeno, que conta con unha igrexa con restos románicos bastante valiosos. Ademáis, dende hai xa catro anos, vense levando a cabo neste lugar a chamada “Noite no Medievo” unha bonita festa ambientada na Idade Media na que se pode disfrutar de animación teatral, paseos a cabalo, degustación de productos típicos, actuacións, exposicións de artesanía, xogos tradicionais (guiados por un servidor) e a celebración dunha “Prevoda Medieval” na que se casan varias parellas de noivos nunha cerimonia oficiada por un druída. Recomendable 100%!

Aldea de Riobó

Noite no Medievo

Filloas, churrasco, rosquillas... Non perdades esta festa o ano que vén!

Dende Riobó collemos a pista de terra que hai entrando na aldea á dereita e, despois de pasar a granxa, collemos cara a esquerda a través dun dos verdes prados que compoñen a paisaxe do entorno da aldea. É facil perderse, pois non hai sinalización neste tramo. As fotos serviranvos de guía. Recoméndovos que vaiades a carón dos árbores e vallas que separan os diferentes prados. O camiño suponse que debería ir por dentro dunha casa da aldea, pero o pastor alemán que hai dentro non dá moita confianza, polo que é recomendable variar un pouco este pequeno tramo. Unha vez chegades ós prados, todo consiste en baixar ata atopar o rego, para coller a ponte que nos permita cruzar ata a outra beira e poder avanzar cara a seguinte aldea, a Penela.

Pegadiños á valla e sen problema 😉

Seguimos baixando, pasando por debaixo do bonito arco que forman estas árbores

Deixamos Riobó atrás

Unha vez chegados ó rego, buscamos a ponte entre a maleza e cruzámola para poñer rumbo á Penela. Se tendes sorte igual atopades algún que outro esquío.

A zona ten moita vexetación e maleza

Cruzamos a ponte, rodeada de abundante vexetación

Esquío

Dende aquí imos uns poucos metros cara a esquerda, ata dar co camiño que se dirixe cara a penela. O primeiro tramo pode que teña moita maleza (non foi este o caso) pero o segundo é unha auténtica marabilla: ben marcado, suelo cheo de follaxe, en zig zag costa arriba e baixo un espeso teito de árbores, cun final maxestuoso na coñecida torre da Penela.

Precioso o tramo que remata na Penela

De pronto, atopámonos coa parte traseira da torre medieval

Fachada frontal da torre

Aldea da Penela

Collemos agora a pista de asfalto en sentido descendente, camiño da seguinte aldea do camiño: A Barcia. Será un pequeno tramo sobre o asfalto, xa que pronto nos desviaremos por un camiño de carro á esquerda, atravesando unha zona de bosque de eucaliptos. Durante o camiño podemos ver as ruínas dun par de muíños a carón dun bonito rego.

Entre a maleza...

Despois duns minutos de camiñata e rematamos a baixada, e imos dar coa pista de asfalto que vén da Penela e chega á aldea da Barcia, pola cal pasa outro rego, que provén doutro dos numerosos vales que teñen lugar na zona, e  que será o último núcleo poboado que veremos durante un relativamente longo treito.

A Barcia

Dende aquí poñemos rumbo directo a outra das marabillas agochadas no concello de Cabana de Bergantiños: o Pozo da Forca, un pozo de auga que recibe a súa auga dunha pequena fervenza, chamada a “Baiabosa”  afincada no corazón do concello. Antes de chegar aquí, pasaremos por unha pequenísima aldea, xa deshabitada, chamada Soutochán, con catro construccións das cales só unha se mantén en pé e habitable. É este o tramo perfecto para os que coma min, queredes “facer o castrón”, pois antes do desvío de ida e volta que colleremos para o Pozo da Forca, existen 3 camiños que se desvían cara o rego. Poderedes atopar entre leiras de millo e a aldea abandoada de Soutochán, unha bonita fraga do outro lado do rego, algunhas colmeas de abellas e máis muíños en ruínas que, para min, sempre teñen encanto.

Soutochán

Muíño "mimetizado"

Seguimos e, máis adiante, temos o desvío ben indicado do camiño de ida e volta cara o Pozo da Forca, un lugar máxico onde entre a abundante vexetación incluso parece que se fixera de noite, e onde rodeados de fentos temos a sensación de transportarnos a outro mundo, a outra época. Para min, sinceramente, este lugar resulta un “pequeno gran espectáculo natural”.

Por desgracia, nos últimos meses chegou o “progreso” á zona e pódense ver varias máquinas limpando os montes e estropeando MOITO a paisaxe. Sen embargo, tiven a sorte de coñecer o lugar por primeira vez antes de que comezara a limpeza dos montes. Aquí vos deixo algunhas fotos, e esperemos que a zona se recupere canto antes.

Rodean a este lugar varias lendas, a cada cal máis incrible: unha delas conta que este pozo é un ollo de mar, pero terra adentro.

Outra, que hai anos un crego achegouse para medir a súa profundidade facendo uso de doce pezas de adival atadas a unha pedra, pero éste non foi quen de atoparlle fondo ó pozo.

A terceira, que os presos retidos na Torre da Penela finaban aquí a súa vida sendo aforcados, lenda que finalmente viría dando o nome ó lugar. Tamén se conta que no fondo do pozo existe unha grade de ouro que, para sacala, hai que levar dous cuchos fillos da mesma vaca e darlles despois leite para compensar o esforzo.

Por último, parece ser que tamén hai agochada unha viga de ouro. Segundo os veciños, non hai dúbida de que existe, e gardan o secreto de xeración en xeración. Respecto a esto último, tamén se di que o punto no que se agocha a viga aparece marcado na superficie por unha misteriosa luz….

Despois desta boa dose de tradición oral, voltamos por onde viñemos e poñemos rumbo á última aldea que atoparemos no camiño: Folgoso, onde poderemos visitar a antiga capela co seu cruceiro, e os “Muíños dos Abeláns” (esta vez restaurados). Só temos que continuar o camiño do que víñamos, e ó pouco tempo chegaremos a un cruce no que podemos ver a entrada da aldea e ó mesmo tempo a capela de San Brais. Desviámonos para visitala:

Capela de San Brais

Poñemos rumbo agora cara Folgoso e atravesámolo camiño dos Muíños dos Abeláns. Parte do camiño será de ida e volta.

Deixamos atrás Folgoso (momentáneamente) para visitar os Muíños

Muíños dos Abeláns

Pequena área de descanso, perfecta para repoñer forzas e afrontar o último tramo do roteiro.

Damos volta de novo ata chegar a folgoso e aquí colleremos a pista que sube.  Xa non a deixaremos ata chegar o lugar da Mata, xusto no punto na que a comezamos. Os máis cansados están no lugar perfecto para repoñer forzas e descansar no bar tomando algo quentiño, e os menos… os menos tamén! por qué non? 😀

En fin, meus, espero que esta ruta (máis ben a súa descrición) vos gustara tanto como a min, e sobre todo que non se vos fixera moi pesada (xa vedes que o interior Cabanés dá para moito) e que vos animedes a facela, por suposto! Ata a próxima

UN SAÚDO CAMIÑANTES!

O Rego Dos Muíños


A ruta do rego dos muíños sitúase no Concello no que resido, Cabana de Bergantiños. Esta discorre a través de dúas parroquias: Canduas e Borneiro. O punto de partida atópase en Canduas (xusto enfronte ó supermercado das Grelas) e vai subindo polo “Monte do Roncaduiro” ata o castro a Cidá de Borneiro, situado na entrada do pobo de Borneiro. A carón do sendeiro discorre un rego de auga no que se agolpan ata vintecatro muíños, que antigamente aproveitaban a forza da auga do rego para moer o gran.

En canto ás características do roteiro, a lonxitude do percorrido (ida e volta) é de aproximadamente uns 7 quilómetros e unha hora e tres cuartos de duración. A dificultade é baixa (o sendeiro está ben sinalizado e practicable). Ademáis, déixovos aquí abaixo as características MIDE e un mapa orientativo co perfil de elevación:

Características MIDE

Mapa co perfl do roteiro

O primeiro muíño encóntrase xusto no punto de partida, dentro da horta da casa que se atopa ó comezo da pasarela de madeira. Logo, unha vez comezada a andadura, e tras camiñar poucos metros, xa podemos ver o segundo dos vintecatro muíños dispostos ó longo do percorrido coñecido como “Muíño Novo”. Como podedes ver na foto, foi restaurado por un grupo de xóvenes voluntarios chegados de toda España e Uruguai a un campo de traballo que se desenvolveu este verán pasado no municipio de Cabana de Bergantiños, e no cal tiven a sorte de participar como monitor. Xuntos conseguimos limpar e adecentar os catro primeiros muíños da ruta, ademáis de limpar e bernizar pasarelas, bancos e papeleiras de madeira. A este muíño, incluso lle limpamos a canle e o cubo, e a auga discorre de novo por dentro do muíño, dándolle unha visual moi bonita.

Antes...

Despois 🙂

Máis adiante, cruzamos a pequena estrada e continuamos polo sendeiro, no que atopamos un dos carteis informativos que nos axudan a comprender o roteiro. Neste caso, explícanos todas e cada unha das partes dun muíño.

Diferentes partes dun Muíño

Aproveito tamén para deixarvos algunhas coplas antigas que cantaba a xente nos muíños, pois sabemos que eran lugares de reunión da xente de antano:

“O muíño non é muíño,
que é a capilla dos ratos,
donde se daban os bicos
e mailos moitos abrazos.”

“Fun ó muíño con Paula,
fun ó muíño con ela;
fun ó muíño con Paula,
fun en paz e vin en guerra.”

“Mui muíño, mui muíño,
bótame a fariña fóra,
que a filla da muiñeira
ten un andar que namora.”

Continuamos ata chegar a outra pequena estrada que cruza o sendeiro, e no cruce mesmo podemos ver unha pequena horta habitada por un paisaniño moi pintoresco:

Elegante, eh?

Neste novo tramo será no que comece a subida cara Borneiro, deixando o rego maioritariamente á man esquerda. Máis ou menos na metade da ascensión, encontrámonos con outro muíño restaurado ao lado dunha pasarela de madeira. Aquí encontreime cunha chistosiña compañeira de camiño.

Un dos poucos muíños restaurados do roteiro

Unha pequena rá de cor laranxa

Continuamos a ascensión, e xa hai que ir agudizando a vista para descubrir os muíños agochados entre a maleza…

Adiviña visual: cantos muíños se poden ver nesta foto? ningún, un ou dous?

Ó final do sendeiro, chegamos a entrada do pobo de Borneiro e, cruzando a estrada, adentrámonos no camiño que nos leva ó castro, onde finaliza o roteiro con dous novos muíños, en bastante bo estado, e coa característica de ter un deles o tellado feito con lousas. A ruta podería seguir monte arriba, pero estaríamonos metendo en parte de outra ruta que vos mostrarei máis adiante 😉 Así que só queda volver a baixar o “Roncaduiro” ata o punto no que comezamos o camiño.

Co meu canciño, descansando no Castro

Último muíño do roteiro

E ata aquí este primeiro “Camiño da fin da terra”. Espero que vos deixara unha boa impresión  e que vos animedes a percorrelo algún día! Xa me contaredes as vosas impresións. Se queredes obter máis información adicional, só tendes que visitar a páxina web do Concello de Cabana de Bergantiños

UN SAÚDO CAMIÑANTES!