A Ruta Do Anllóns


Ola de novo Camiñantes! Despois dunha semaniña sen escribir, aproveitada para coñecer novos lugares que ensinarvos máis adiante, tráiovos outro novo e bonito “Camiño Da Fin Da Terra”. Este comeza na aldea de Anllóns (Concello de Ponteceso), transcorre a carón do gran río que rega a comarca de Bergantiños e finaliza nun lugar de ensoño que, se non o coñecedes aínda, xa tardades en ir a visitalo: o refuxio de Verdes, (pertencente ó Concello de Coristanco). Coma sempre, e como non pode ser doutra maneira, comezo deixando mapa, perfil e características MIDE do roteiro.

Mapa / perfil do roteiro de hoxe

Valoración MIDE

Ademáis, para facer esta ruta recoméndovos usar unhas botas impermeables, que vos farán falta case seguro. Tampouco estarían de máis uns pantalóns impermeables, nunca se sabe!

Comezamos a andaina a carón da igrexa de San Fiz de Anllóns, e imos baixando polas sinuosas rúas da aldea en dirección á ponte da Garga, onde se atopa unha bonita área de descanso e recreación. Xa neste lugar, a pesar de estar medianamente urbanizado, podemos ver se temos un pouco de sorte algunha garza. Tamén na auga poderemos ver algunhas troitas, pois o anllóns é un río troiteiro por excelencia, con varios coutos ó longo do seu percorrido.

Igrexa de Anllóns. Comezamos!

Baixamos polas rúas de Anllóns...

Ponte e área recreativa da Garga

Columpios e mesas da área recreativa

Deixamos atrás a Garga e enfilamos o primeiro tramo do camiño pola marxe esquerda do río (a nosa dereita, pois imos río arriba) e uns minutos máis adiante, xa podemos ver na outra beira do río os muíños da Saímia e de Caldas, uns muíños que antigamente deberon ser moi importantes, a xulgar polo seu considerable tamaño.

Atrás queda a Garga, enfronte un largo camiño. Ánimo!

Muíños da Saímia

Muíños de Caldas

Metros máis adiante, chegamos á ponte de Caldas, que aproveitaremos para cambiar de marxe do río. Aquí atoparémonos tamén cunha central hidroeléctrica.

Central hidroeléctrica dende a ponte de Caldas

Camiñaremos un bo treito por este camiño, con abundante e espesa vexetación, intuíndo o pobo Cabanés de Beres detrás da vexetación da outra marxe do río, onde a única construcción que veremos será un antigo muíño en ruínas.

Bonito sendeiro, non si?

Muíño en ruínas

Ó longo do río atoparemos en varias zonas tamén algunha que outra ponte de madeira, que nos permitirá salvar algúns regos que desembocan no Anllóns.

Isto ata chegar á ponte de Cardezo, que non cruzaremos, senón que continuaremos pola mesma marxe do río.

Ó lonxe, a ponte de Cardezo

Neste novo treito que comeza, atoparémonos con algunhas dificultades, primeiro un tramo curvo que transcorre literalmente a carón do río, e a unha certa altura deste, no sendeiro só colle un pé ó ancho, polo que hai que andar con moito coidado se non queremos levar unha boa molladura e facerlle compañía ás troitas que viven por alí 😉

Pouco a pouco e sen prisa ;)

Polo río abaixo vai unha troita de pé,

corre que te corre, quen a puidera coller,

quen a puidera coller, quen a puidera pillar. 

Polo río abaixo vai unha troita de pé”.

Despois, un pouco máis adiante, chegaremos a un tramo no que non existe camiño (ou non dei con el), o que teremos que facer é percorrer este tramo entre a gran leira (na que plantan millo para as granxas que existen na parroquia pontecesana de Langueirón) e a beira do río, a verdade, este tramo fíxoseme moi longo e difícil cando o fixen, o non haber camiño é un auténtico suplicio, pero ninguén dixo que fora ser fácil! 😀

Ó final deste tramo chegamos á ponte de Xavarido… Sónavos? En efecto, aquí nesta ponte, pero pola outra marxe do río, comeza a ruta do Ouro, que comentamos noutra entrada anterior deste blog. Desta vez o que facemos é o mesmo camiño, pero pola beira contraria á ruta Cabanesa.

Millo, millo... e máis millo! Desde o Xavarido

Central Hidroeléctrica de Corcoesto

Encoro (desta vez sí levaba auga)

A única negativa do tramo que comprende dende a ponte de Cardezo ata o lugar de Pontedona que podo darvos é que nalgúns lugares (afortunadamente puntuais) hai certos residuos acumulados como poden ser rodas, mesas ou incluso nun punto, bastantes desperdicios de coches. exemplos:

Rodas e katiuskas tiradas...

Máis rodas, mesas...

Un tubo de escape!?!?

Sen comentarios...

POR FAVOR, SEXAMOS RESPETUOSOS CO MEDIO AMBIENTE! É O NOSO FOGAR!!!

Deixando atrás os lugares que xa visitamos da ruta do Ouro, como son a central hidroeléctrica, bocas de mina e a capela e carballeira de Santa Mariña do Remuíño, despois de outro bo treito de camiño chegamos ó lugar de Pontedona, para afrontar o último tramo do roteiro de hoxe, e para min o máis bonito e mellor coidado gracias á presencia de pescadores.

Antiga ponte en Pontedona (pendente de reparación)

Tramo limpo, ben definido, practicable... e sobre todo bonito! 🙂

Muíños da Retorta

E por fin, chegamos ó fermoso refuxio de Verdes, un paraíso salpicado de regos, rápidos, pequenos illotes e muíños no que poderemos desfrutar dunha boa comilona aproveitando as grellas e as mesas á sombra das árbores (quén sabe se cociñando algunhas troitas que pescamos no mesmo lugar, pois esta zona está dentro dun couto pesqueiro). Déixovos coas imaxes deste final de camiño:

E ata aquí compañeiros, espero coma sempre que vos gustara este camiño cheo de auga por todas partes e sobre todo que o percorrades! Espero os vosos comentarios e opinións 🙂

Xa por último, quero aproveitar esta ruta pontecesana para convidarvos mañá Sábado 12 ó primeiro FESTIPOPEÓNS (Festival Ponteceso Peóns) de 11 a 14 horas, no Centro Cultural de Ponteceso, onde poderedes desfrutar xunto a pequenos e maiores de exposicións, competicións e diferentes talleres sobre o mundo dos Trompos, para recordar vellos tempos da escola. Seguro que será unha mañá moi divertida. Animádevos e pasádevos por alí, aínda que só sexa a botar un vistazo, vémonos!

Polo San Martiño, Peóns ó Camiño! 😀

UN SAÚDO CAMIÑANTES!!!

Tralas Pegadas Dos Riobó…


Ola Amigos, aquí me tendes unha nova semana descubríndovos algúns dos mellores camiños da Costa da Morte. Esta semana amosareivos outro camiño situado no Concello de Cabana de Bergantiños: a ruta “Tralas Pegadas dos Riobó”, que percorre varios lugares da Parroquia de Riobó, na que se agochan algunhas auténticas sorpresas. Como sempre, déixovos mapa, perfil e características MIDE da ruta antes de comezar:

Mapa e perfil da ruta

Características MIDE (faise ben non?) 😉

 

A ruta comeza xusto na entrada do lugar da Mata (vindo da parte de Neaño, Corcoesto ou Ponteceso). Podemos deixar o coche no bar “Josefa”, onde se pode mercar algo antes de comezar o camiño, pois tamén teñen un pequeno súper. Dende aquí, cruzamos a estrada e tomamos a pista que baixa cara a pequena aldea de Riobó, que dá nome á parroquia. Xa por este tramo podemos comprobar que o roteiro se desenvolve por unha zona de numerosas elevacións e depresións, formando numerosos vales que pequenos regatos aproveitan para conducir as súas augas, e dando lugar así a varios pequenos núcleos de poboación, como A Barcia, que visitaremos máis adiante, e que podemos divisar dende o camiño que nos leva a Riobó:

Dando os primeiros pasos por esta zona de vales

Un pouco máis adiante, xa nos topamos coa primeira das pequenas aldeas que nos toca visitar nesta ruta: Riobó. Un pobo tan encantador coma pequeno, que conta con unha igrexa con restos románicos bastante valiosos. Ademáis, dende hai xa catro anos, vense levando a cabo neste lugar a chamada “Noite no Medievo” unha bonita festa ambientada na Idade Media na que se pode disfrutar de animación teatral, paseos a cabalo, degustación de productos típicos, actuacións, exposicións de artesanía, xogos tradicionais (guiados por un servidor) e a celebración dunha “Prevoda Medieval” na que se casan varias parellas de noivos nunha cerimonia oficiada por un druída. Recomendable 100%!

Aldea de Riobó

Noite no Medievo

Filloas, churrasco, rosquillas... Non perdades esta festa o ano que vén!

Dende Riobó collemos a pista de terra que hai entrando na aldea á dereita e, despois de pasar a granxa, collemos cara a esquerda a través dun dos verdes prados que compoñen a paisaxe do entorno da aldea. É facil perderse, pois non hai sinalización neste tramo. As fotos serviranvos de guía. Recoméndovos que vaiades a carón dos árbores e vallas que separan os diferentes prados. O camiño suponse que debería ir por dentro dunha casa da aldea, pero o pastor alemán que hai dentro non dá moita confianza, polo que é recomendable variar un pouco este pequeno tramo. Unha vez chegades ós prados, todo consiste en baixar ata atopar o rego, para coller a ponte que nos permita cruzar ata a outra beira e poder avanzar cara a seguinte aldea, a Penela.

Pegadiños á valla e sen problema 😉

Seguimos baixando, pasando por debaixo do bonito arco que forman estas árbores

Deixamos Riobó atrás

Unha vez chegados ó rego, buscamos a ponte entre a maleza e cruzámola para poñer rumbo á Penela. Se tendes sorte igual atopades algún que outro esquío.

A zona ten moita vexetación e maleza

Cruzamos a ponte, rodeada de abundante vexetación

Esquío

Dende aquí imos uns poucos metros cara a esquerda, ata dar co camiño que se dirixe cara a penela. O primeiro tramo pode que teña moita maleza (non foi este o caso) pero o segundo é unha auténtica marabilla: ben marcado, suelo cheo de follaxe, en zig zag costa arriba e baixo un espeso teito de árbores, cun final maxestuoso na coñecida torre da Penela.

Precioso o tramo que remata na Penela

De pronto, atopámonos coa parte traseira da torre medieval

Fachada frontal da torre

Aldea da Penela

Collemos agora a pista de asfalto en sentido descendente, camiño da seguinte aldea do camiño: A Barcia. Será un pequeno tramo sobre o asfalto, xa que pronto nos desviaremos por un camiño de carro á esquerda, atravesando unha zona de bosque de eucaliptos. Durante o camiño podemos ver as ruínas dun par de muíños a carón dun bonito rego.

Entre a maleza...

Despois duns minutos de camiñata e rematamos a baixada, e imos dar coa pista de asfalto que vén da Penela e chega á aldea da Barcia, pola cal pasa outro rego, que provén doutro dos numerosos vales que teñen lugar na zona, e  que será o último núcleo poboado que veremos durante un relativamente longo treito.

A Barcia

Dende aquí poñemos rumbo directo a outra das marabillas agochadas no concello de Cabana de Bergantiños: o Pozo da Forca, un pozo de auga que recibe a súa auga dunha pequena fervenza, chamada a “Baiabosa”  afincada no corazón do concello. Antes de chegar aquí, pasaremos por unha pequenísima aldea, xa deshabitada, chamada Soutochán, con catro construccións das cales só unha se mantén en pé e habitable. É este o tramo perfecto para os que coma min, queredes “facer o castrón”, pois antes do desvío de ida e volta que colleremos para o Pozo da Forca, existen 3 camiños que se desvían cara o rego. Poderedes atopar entre leiras de millo e a aldea abandoada de Soutochán, unha bonita fraga do outro lado do rego, algunhas colmeas de abellas e máis muíños en ruínas que, para min, sempre teñen encanto.

Soutochán

Muíño "mimetizado"

Seguimos e, máis adiante, temos o desvío ben indicado do camiño de ida e volta cara o Pozo da Forca, un lugar máxico onde entre a abundante vexetación incluso parece que se fixera de noite, e onde rodeados de fentos temos a sensación de transportarnos a outro mundo, a outra época. Para min, sinceramente, este lugar resulta un “pequeno gran espectáculo natural”.

Por desgracia, nos últimos meses chegou o “progreso” á zona e pódense ver varias máquinas limpando os montes e estropeando MOITO a paisaxe. Sen embargo, tiven a sorte de coñecer o lugar por primeira vez antes de que comezara a limpeza dos montes. Aquí vos deixo algunhas fotos, e esperemos que a zona se recupere canto antes.

Rodean a este lugar varias lendas, a cada cal máis incrible: unha delas conta que este pozo é un ollo de mar, pero terra adentro.

Outra, que hai anos un crego achegouse para medir a súa profundidade facendo uso de doce pezas de adival atadas a unha pedra, pero éste non foi quen de atoparlle fondo ó pozo.

A terceira, que os presos retidos na Torre da Penela finaban aquí a súa vida sendo aforcados, lenda que finalmente viría dando o nome ó lugar. Tamén se conta que no fondo do pozo existe unha grade de ouro que, para sacala, hai que levar dous cuchos fillos da mesma vaca e darlles despois leite para compensar o esforzo.

Por último, parece ser que tamén hai agochada unha viga de ouro. Segundo os veciños, non hai dúbida de que existe, e gardan o secreto de xeración en xeración. Respecto a esto último, tamén se di que o punto no que se agocha a viga aparece marcado na superficie por unha misteriosa luz….

Despois desta boa dose de tradición oral, voltamos por onde viñemos e poñemos rumbo á última aldea que atoparemos no camiño: Folgoso, onde poderemos visitar a antiga capela co seu cruceiro, e os “Muíños dos Abeláns” (esta vez restaurados). Só temos que continuar o camiño do que víñamos, e ó pouco tempo chegaremos a un cruce no que podemos ver a entrada da aldea e ó mesmo tempo a capela de San Brais. Desviámonos para visitala:

Capela de San Brais

Poñemos rumbo agora cara Folgoso e atravesámolo camiño dos Muíños dos Abeláns. Parte do camiño será de ida e volta.

Deixamos atrás Folgoso (momentáneamente) para visitar os Muíños

Muíños dos Abeláns

Pequena área de descanso, perfecta para repoñer forzas e afrontar o último tramo do roteiro.

Damos volta de novo ata chegar a folgoso e aquí colleremos a pista que sube.  Xa non a deixaremos ata chegar o lugar da Mata, xusto no punto na que a comezamos. Os máis cansados están no lugar perfecto para repoñer forzas e descansar no bar tomando algo quentiño, e os menos… os menos tamén! por qué non? 😀

En fin, meus, espero que esta ruta (máis ben a súa descrición) vos gustara tanto como a min, e sobre todo que non se vos fixera moi pesada (xa vedes que o interior Cabanés dá para moito) e que vos animedes a facela, por suposto! Ata a próxima

UN SAÚDO CAMIÑANTES!

Subindo á Pena de Mórdomo


Ola meus!

Como cada nova semana, aquí me tendes descubríndovos un novo camiño da Costa da Morte. Desta vez achegueime ó concello de Laxe, concretamente á fermosa parroquia de Traba, pero non para facer a famosa ruta que vai ata Camelle, senón para subir á inxustamente descoñecida Pena de Mórdomo, desde a cal se pode desfrutar dunhas vistas excepcionais da parroquia, a lagoa e a fascinante praia de Traba.

Mapa (en debuxo) da ruta

Mapa (aproximado) da ruta feito por min. Ás veces é un pouco complicado trazar o recorrido exacto.

É esta unha ruta que en principio pode parecer fácil e así o é durante gran parte do percorrido, pero débese ter en conta o tramo final da ascensión, no que hai que ascender por gran cantidade de penedos e rochas nos que hai que ter coidado de non esvarar / tropezar e non achegarse moito ó borde destes, pois hai perigo de caer ó vacío. É por iso que o resultado do MIDE ten números tan altos, pero se andades con coidado e non facedes moito o “castrón” como a min me gusta (debedes saber que a pesar de ter bastante vértigo,  vaime o risco) non ten porque haber problema algún.

MIDE (que non vos impresionen moito os números altos)

Para comezar o camiño, podemos deixar o coche no aparcamento da praia en Mórdomo, cerca do bar. Neste bar encontramos o primeiro cartel indicador da dirección da ruta. Nos primeiros metros, todo o que teremos que facer é seguir as indicacións ó longo da aldea de Mórdomo.

O noso obxectivo, dende o aparcadoiro

Unha vez chegados á última casa da aldea, comezando a subida cara o monte, xa non atoparemos máis sinais. Tendes que seguir a pista á dereita e uns metros máis adiante, no cruce que hai na curva, cara a esquerda (máis ben seguir a pista na que estamos). Durante este tramo podemos ver o val de Traba, coas súas pequenas aldeas a pé do monte da Moa e Pena Forcada, lugares que vos descubrirei en vindeiras entradas.

Última casa de Mórdomo

Val de Traba

Chegamos a un novo cruce, no que se seguimos de frente, comezamos a descender. Non nos interesa, queremos subir e desfrutar dunha boa panorámica! Collemos á dereita e seguimos subindo. A partir de aquí o camiño vai ir facéndose máis agreste, ata chegar ó pe das rochas, no cal comezaremos a ascender. Ánimo, moito coidado!

Chegando ós pés dos penedos...

Comeza o ascenso! (Realmente, xa comezou hai un cachiño)

No primeiro tramo da subida, cara a zona de Traba podedes buscar as coñecidas “Caras dos Monos” un conxunto de rochas nas que a natureza debuxou unhas cabezas que recordan ás duns primates.

A verdade é que si parecen!

Poucos metros máis adiante xa nos atopamos coa máxima altura do monte, marcada cun tronco que soe ter unha bandeira colgada, aínda que non era o caso desta vez. Penso que non teño que explicar moito das vistas, unha imaxe (neste caso varias) vale máis que mil palabras non si?

A Lagoa, lugar de alto valor ecolóxico

Traba dende as alturas

Pero non só podemos ver a paisaxe de Traba dende aquí arriba, se facemos unha vista de 360º cara a dereita, iremos vendo lugares como o monte da Moa, Pena Forcada, os penedos de Pasarela, o alto do Rascalobos, Pena Orelluda… lugares que vos descubrirei máis adiante, dádeme un tempo 😉

Monte da Moa (esquerda) e Pena Forcada (dereita)

Desde aquí tamén se pode intuir a vila mariñeira de Camelle (Pena Orelluda á dereita)

Mirando cara abaixo, vemos o núcleo de Mórdomo e o aparcadoiro onde comezamos a ruta. É curioso, pero aínda que semella lonxe, escoitábanse os ladridos dos cans perfectamente!

Mórdomo

Aparcadoiro, merendeiro, boa praia... Se queredes ir tomar un baño a Traba téndelo fácil!

E ata aquí, todo o que queda é facer o camiño de volta por onde viñemos, tal vez se podería continuar o camiño no cruce que antes vos dixen que baixa e achegarse ó rascalobos ou a Pena Orelluda. Quén sabe. Un día que teña ganas de perderme e facer o castrón aventúrome e xa vos conto á volta 😉 Nada máis meus, animádevos a percorrer este camiño que é curto, e as vistas merecen moito a pena.

UN SAÚDO CAMIÑANTES!

Ruta “Camiño Da Ribeira”


Boas camiñantes! Como vai todo? Espero que ben! Como cada semana, aquí vos traio un novo camiño deste noso confín do mundo. Desta vez trátase da ruta “Camiño Da Ribeira” no concello de Ponteceso. Un bonito camiño no que atoparemos moito que ver e visitar ó longo dos aproximadamente 25 quilómetros que o compoñen (aínda que se poden facer moitas variantes), ó longo dunha gran parte do litoral pontecesán, en primeiro lugar pola beira do Río Anllóns e despois a carón da ría de corme e laxe. Desta vez tiven a sorte de contar cun compañeiro de viaxe, que me axudou a facer o camiño máis levadeiro e sacar algunhas fotos útiles para facer esta entrada. Gracias David!

Mapa e perfil da ruta

Características MIDE

O comezo da ruta sitúase na praza do Recheo de Ponteceso, situada na entrada do pobo e pegada ó río Anllóns, á ponte que separa Ponteceso do concello de Cabana e á casa natal do escritor Eduardo Pondal. Por desgracia, esta non se pode visitar, pero sempre nos quedarán os versos inmortais do bardo:

Casa natal de Eduardo Pondal

“Eu nacín en agreste soedade,
eu nacín cabo dun agreste outeiro,
por onde o Anllóns con nobre maxestade
camiña ao seu destino derradeiro.
Eu non nacín en vila nin cidade
mais lonxe do seu ruído lisonxeiro;
eu nacín cabo de pinal espeso
eu nacín na pequena Ponteceso.”

Collemos un pequeno treito pola beira da estrada que vai a Valarés e Corme, para desviarnos ós poucos metros no aserradoiro. Aquí, á esquerda collemos un pequeno sendeiro que vai polo malecón, entre o xuncal e o río. Desde aquí podemos ver a aldea do couto ó lonxe. Tamén é un bo sitio para ver unha boa cantidade de aves, pois a desembocadura do anllóns é un lugar recoñecido pola súa riqueza ornitolóxica.

Sendeiro do malecón

Aldea do Couto

Ó final deste agradable camiño, chegados ás faldas do monte branco, torcemos á esquerda poñendo dirección ás dunas e á barra, se imos pola mañán, é probable que nos atopemos cun pastor e as súas ovellas. Tamén, desde hai pouco tempo, está instalado á beira do camiño un observatorio de aves.

Ovellas camiño da "Illa dos Cagallóns"

Observatorio ornitolóxico, de recente construcción

O esteiro do Anllóns é un lugar privilexiado para o avistamento de aves

Seguindo polo camiño, e deixando á esquerda a coñecida como illa dos cagallóns, temos un desvío á dereita que podemos coller para subir e sacar unhas fotos panorámicas da desembocadura do río, ou podemos seguir de frente e chegar á barra atravesando as dunas. Desde este punto tamén podemos ver o litoral cabanés, coas súas praias fluviais do Curro, Urixeira e Pendón.

Camiño que nos leva ás dunas e ó monte branco

Illa dos cagallóns

Ovellas pastando e praia fluvial do Pendón ó fondo

Dunas do Monte Branco

Praia da Barra

Dende aquí collemos o camiño que vai pegado á costa e que chega directamente á praia de Valarés. Este camiño danos unhas excelentes vistas  do litoral cabanés, vendo algunhas das súas praias marítimas, como a piquita e area das vacas, así como tamén da famosa illa “Tiñosa” lugar visitado asiduamente por pescadores.

O sendeiro que nos leva a Valarés. Ó fondo, Monte da Facha

Illa "Tiñosa" e praias da "Piquita" (esquerda) e "Area das Vacas" (dereita)

Finalmente chegamos ó areal de Valarés, dividido en dúas praias e cun bonito piñeiral no medio, ideal para merendar e repoñer forzas para seguir o camiño.

Areal de Valarés

O piñeiral, fermoso e xenial para tomar algo á sombra das árbores.

Continuamos un pequeno treito pola estrada e viramos á esquerda pola pista que nos leva ó alto do monte da facha, camiño xa da vila de Gondomil, e máis adiante, do porto mariñeiro de Corme. Por este camiño, temos unhas excelentes vistas da ría, e ó fondo, da fermosa vila de Laxe.

Vistas do esteiro do anllóns e da ría de Corme e Laxe dende o Monte da Facha

Laxe

Se como a min, vos gusta o que eu particularmente chamo “facer o castrón” 😀 nesta pista podedes coller e camiñar por algúns terreos rozados que se achegan á costa, e ver desde moi preto os acantilados que existen neste treito, e onde podemos obter unhas vistas impresionantes destes:

Cantís do Monte da Facha

Máis adiante, ó final deste tramo chegamos á aldea de gondomil, onde debemos visitar a coñecida Pedra Da Serpe, unha especie de cruceiro cunha serpe tallada na súa base.

Gondomil

Pedra da Serpe

Dende aquí collemos a estrada que baixa á esquerda, para ir ata a praia da Ermida. Poderíamos coller á dereita e arriba camiño de Froxán, pero farémolo logo de visitar Corme e arredores. Xusto de lado desta estrada podemos ver un muíño e uns metros máis adiante, desviámonos de novo á esquerda en dirección á costa por un camiño que nos leva á praia, que ó igual que Valarés, posúe un pequeno piñeiral con mesas para poder facer outro descansiño.

Praia da Ermida coa Illa da Estrela

Dende a sombra das árbores, continuamos a marcha por outro estreito camiño entre maleza (mais ben practicable) que, ós poucos minutos, nos leva á outra das tres praias de corme, neste caso trátase da praia do Osmo, coa súa grande e fermosa furna, onde en verán se celebra  a “Festa da Furna”, na que se traen a bandas musicais de diferentes estilos para pasar unha agradable noite de música no medio da natureza, creándose así un ambiente que vale, e moito, a pena.

Furna da Praia do Osmo

De aquí collemos o paseo marítimo que nos leva ó centro urbano de Corme, pasando primeiro a pequena praia da Arnela e despois ó longo de todo o paseo marítimo da vila, para chegar despois á punta do porto. Camiño do porto existe un desvío que leva ó cabo roncudo, onde se apaña o famoso percebe e onde o mar bate con moita forza. Recomendable visitalo un día de temporal.

A vila de Corme coa pequena praia da Arnela, dende a punta do porto.

Volvemos polo mesmo camiño ata a pedra da serpe, pero desta vez collemos o desvío que nos leva a Froxán, por unha costenta pista forestal. Ó chegar arriba collemos á esquerda para chegar, ó pouco, á pequena aldea. Alí podemos sentar e tomar un refrixerio na súa pequena área recreativa con mesa, fonte e monumento adicado ós músicos que alí naceron.

Froxán

Área recreativa de Froxán

Voltamos a camiñar por onde viñemos e no desvío, en lugar de baixar, continuamos recto, polo coñecido como “Monte dos Loureiros” imos seguir un camiño paralelo ó anterior que nos levou antes cara Gondomil. Durante este camiño teremos notables vistas de toda a ría ó igual que antes, simplemente que desde un pouco máis arriba. Merece a pena volver a facer o “Castrón” e subir ás rochas que coroan o monte, aínda que hai que ter moito coidado e ter un bo pantalón para andar entre os toxos 😉 Finalmente, chegamos ó cruce da estrada que baixa cara a praia de Valarés, e ós poucos metros podemonos acercar ó cumio do monte branco, desde onde temos unhas vistas excepcionais do tramo do anllóns que vai dende ponteceso ata a a ría coa vila de Laxe ó fondo.

Corme dende o Monte dos Loureiros

Valarés, Tiñosa, Piquita, Area das vacas... Hai tanto que ver nesta nosa ría!

Tamén podemos ver ó lonxe o faro de Punta Nariga, un fermoso e moderno faro que pertence a Malpica.

Ría dende o cumio do Monte Branco

Ribeira dende o alto do Monte Branco

Desfacemos camiño e baixamos polo estreito sendeiro que comeza pegado á estrada, é este un camiño pedregoso, polo que se debe ter coidado no descenso.Este lévanos de novo a Currás, e xusto termina no coñecido como “Pozo da Señora”, un pequeno regato que baixa polo monte, e que coa seca deste verán non levaba apenas auga. Logo, collemos a pista que baixa á dereita e andamos de novo o camiño que nos leva cara o malecón, e finalmente, cara o noso punto de partida e chegada: Ponteceso.

Coidadiño ó baixar!

Pozo da Señora

E rematamos! Espero coma sempre que a ruta fora do voso agrado, e que vos animedes a facela algún día. Como puidestes comprobar é unha rota longa, pero con moitísimo que ver, e máis aínda se vos gusta perdervos coma a min 🙂

A ponte, que separa os concellos de Cabana e Ponteceso, principio e final do camiño de hoxe.

UN SAÚDO CAMIÑANTES! ATA A PRÓXIMA 😉

A Ruta Do Ouro De Corcoesto


Ola de novo Camiñantes! Esta semana quérovos amosar outra ruta situada no concello de Cabana, a coñecida como “Ruta do Ouro”, na parroquia de Corcoesto e nomeada así pola abundancia do prezado mineral que agochan os seus montes.

Mapa e perfil da ruta

O camiño transcorre pola beira cabanesa do río en todo o seu percorrido e apenas posúe dificultade algunha, como podedes ver nas características MIDE que vos expoño a continuación:

Características MIDE do roteiro

A ruta comeza saíndo do núcleo de Corcoesto, na que é a antiga casa dos mineiros e xusto antes de cruzar a ponte do Xavarido sobre o Río Anllóns camiño de Langueirón (Ponteceso).

Casa dos Mineiros e o meu fiel acompañante 😀

Ponte do Xavarido: Comezamos!

Ó pouco de comezar, e antes de dunha pequena costa arriba, podemos visitar dúas bocas das antigas minas: unha desviándonos por un camiño á esquerda (cara o lado do río) e outra subindo monte arriba neste mesmo punto. Subindo cara o pozo da dereita, podemos ver abundantes liques, indicadores da pureza do aire. Neste pozo poderedes probar a lanzar unha pedra polo burato abaixo, e comprobaredes o que tarda en deixar de soar a pedra caendo… Xa vos adianto que vos levaredes unha sorpresa!

Unha das entradas á mina

Cerca do pozo atoparedes gran cantidade de liques

Probade a tirar unha pedra no pozo... 😉

Seguimos camiñando e a uns minutos destas minas chegamos á central hidroeléctrica de Corcoesto, típica central hidroeléctrica fluvial que abastece ós veciños do municipio, e onde me atopei cunhas bagas moi curiosas:

Central

Serán comestibles?

Máis adiante, e se vos gusta explorar e perdervos coma a min, podedes achegarvos (non sen pouco esforzo) á beira do río, onde se andades con coidado e sodes silenciosos, poderedes ver especies de aves tan interesantes coma a garza real, o merlo rieiro ou algún que outro pato. Sinceramente, ver algún destes animais paga realmente a pena,  dignos de ver. Por desgracia, as fotos que puden sacar destas aves non son nada boas, polo que vos deixo unhas sacadas da internet.

Garza Real

Merlo Rieiro

Máis adiante, chegamos ó embalse, que desta última vez que fixen a ruta estaba case baleiro. Alí subiremos por unhas escaleiras metálicas e camiñaremos uns metros de lado do canal para logo continuar o camiño cara arriba e chegar á capela de Santa Mariña, situada ó lado dunha carballeira onde tódolos anos se celebra unha bonita romaría en honor a ésta.

Encoro baleiro

Ermida de Sta. Mariña

Unha acolledora carballeira

De alí collemos un camiño que volve a baixar ó río, para ver outra das grutas das antigas minas e acabamos o percorrido de ida para comezar a volta. Desta vez, ó pasar de novo o embalse, podemos volver a desviarnos cerca de alí cara o río para ver unha bonita zona de augas rápidas.

A ruta esconde moitos recunchos difícilmente accesibles

Para o camiño de volta, só queda desfrutar do bonito sendeiro rodeados de gran cantidade de carballos, pinos e castiñeiros.

O camiño transcorre entre numerosos carballos e castiñeiros

E ata aquí a Ruta do Ouro compañeiros, espero que vos chamara a atención e vos animedes a recorrela. Sen embargo, gustaríame acabar cunha pequena reivindicación. Hai un tempo que unha empresa Canadiana de prospeccións auríferas ten interese en facer unha enorme mina a ceo aberto nos montes de Corcoesto para extraer o ouro destes, co cal a flora e a fauna do lugar quedarían aniquiladas non só polo deterioro físico do lugar, senón pola contaminación que supón este tipo de extraccións (uso de cianuro durante o proceso). Déixovos un par de enlaces a noticias destas últimas semanas:

Versión Da Empresa

Versión Dos Grupos Ecoloxistas

UN SAÚDO CAMIÑANTES!

O Rego Dos Muíños


A ruta do rego dos muíños sitúase no Concello no que resido, Cabana de Bergantiños. Esta discorre a través de dúas parroquias: Canduas e Borneiro. O punto de partida atópase en Canduas (xusto enfronte ó supermercado das Grelas) e vai subindo polo “Monte do Roncaduiro” ata o castro a Cidá de Borneiro, situado na entrada do pobo de Borneiro. A carón do sendeiro discorre un rego de auga no que se agolpan ata vintecatro muíños, que antigamente aproveitaban a forza da auga do rego para moer o gran.

En canto ás características do roteiro, a lonxitude do percorrido (ida e volta) é de aproximadamente uns 7 quilómetros e unha hora e tres cuartos de duración. A dificultade é baixa (o sendeiro está ben sinalizado e practicable). Ademáis, déixovos aquí abaixo as características MIDE e un mapa orientativo co perfil de elevación:

Características MIDE

Mapa co perfl do roteiro

O primeiro muíño encóntrase xusto no punto de partida, dentro da horta da casa que se atopa ó comezo da pasarela de madeira. Logo, unha vez comezada a andadura, e tras camiñar poucos metros, xa podemos ver o segundo dos vintecatro muíños dispostos ó longo do percorrido coñecido como “Muíño Novo”. Como podedes ver na foto, foi restaurado por un grupo de xóvenes voluntarios chegados de toda España e Uruguai a un campo de traballo que se desenvolveu este verán pasado no municipio de Cabana de Bergantiños, e no cal tiven a sorte de participar como monitor. Xuntos conseguimos limpar e adecentar os catro primeiros muíños da ruta, ademáis de limpar e bernizar pasarelas, bancos e papeleiras de madeira. A este muíño, incluso lle limpamos a canle e o cubo, e a auga discorre de novo por dentro do muíño, dándolle unha visual moi bonita.

Antes...

Despois 🙂

Máis adiante, cruzamos a pequena estrada e continuamos polo sendeiro, no que atopamos un dos carteis informativos que nos axudan a comprender o roteiro. Neste caso, explícanos todas e cada unha das partes dun muíño.

Diferentes partes dun Muíño

Aproveito tamén para deixarvos algunhas coplas antigas que cantaba a xente nos muíños, pois sabemos que eran lugares de reunión da xente de antano:

“O muíño non é muíño,
que é a capilla dos ratos,
donde se daban os bicos
e mailos moitos abrazos.”

“Fun ó muíño con Paula,
fun ó muíño con ela;
fun ó muíño con Paula,
fun en paz e vin en guerra.”

“Mui muíño, mui muíño,
bótame a fariña fóra,
que a filla da muiñeira
ten un andar que namora.”

Continuamos ata chegar a outra pequena estrada que cruza o sendeiro, e no cruce mesmo podemos ver unha pequena horta habitada por un paisaniño moi pintoresco:

Elegante, eh?

Neste novo tramo será no que comece a subida cara Borneiro, deixando o rego maioritariamente á man esquerda. Máis ou menos na metade da ascensión, encontrámonos con outro muíño restaurado ao lado dunha pasarela de madeira. Aquí encontreime cunha chistosiña compañeira de camiño.

Un dos poucos muíños restaurados do roteiro

Unha pequena rá de cor laranxa

Continuamos a ascensión, e xa hai que ir agudizando a vista para descubrir os muíños agochados entre a maleza…

Adiviña visual: cantos muíños se poden ver nesta foto? ningún, un ou dous?

Ó final do sendeiro, chegamos a entrada do pobo de Borneiro e, cruzando a estrada, adentrámonos no camiño que nos leva ó castro, onde finaliza o roteiro con dous novos muíños, en bastante bo estado, e coa característica de ter un deles o tellado feito con lousas. A ruta podería seguir monte arriba, pero estaríamonos metendo en parte de outra ruta que vos mostrarei máis adiante 😉 Así que só queda volver a baixar o “Roncaduiro” ata o punto no que comezamos o camiño.

Co meu canciño, descansando no Castro

Último muíño do roteiro

E ata aquí este primeiro “Camiño da fin da terra”. Espero que vos deixara unha boa impresión  e que vos animedes a percorrelo algún día! Xa me contaredes as vosas impresións. Se queredes obter máis información adicional, só tendes que visitar a páxina web do Concello de Cabana de Bergantiños

UN SAÚDO CAMIÑANTES!