A Ruta Do Litoral Camariñán


Ola camiñantes da fin da terra! Mentres se achega o Nadal, eu sigo aproveitando para descubrir novos roteiros, chova ou vente, e de paso seguir mostrándovos marabillosos lugares da nosa Costa da Morte.

A miña última aventura tivo lugar de novo no concello de Camariñas, na ruta que une a vila de Camelle coa capital do municipio, e que percorre todo o litoral que separa ámbalas dúas vilas. Para levala a cabo contei coa axuda dos meus  amigos David e Rodrigo. Así que alá nos fomos o sábado pola mañán, aproveitando as alertas por mar de fondo para comprobar a forza do mar galego. Graciñas meus!

Esta  ruta é bastante longa, uns 28 quilómetros. O sendeiro en si non ten apenas dificultade algunha. Tamén debo dicir que non fixemos o percorrido exacto, senón que fomos por algún pequeno tramo distinto, pero desde logo sen grandes variacións que destacar. En canto ó equipo e material para facer este camiño, recomendo levar un bo cortaventos, pois o vento sempre sopra con forza nesta zona.

Mapa e Perfil do roteiro

Valoración MIDE

Comezamos o itinerario no Museo do Alemán, ao igual que o fixéramos hai unhas semanas para percorrer a ruta Camelle – Laxe. Sen embargo, desta vez imos tomar o rumbo oposto. Nada máis chegar, comprobamos que a alerta laranxa por mar de fondo non se equivocaba en nada:

A forza do mar no peirao de Camelle

Dende aquí atravesamos algunhas das estreitas rúas de Camelle, en lugar de seguir o camiño oficial que está perfectamente marcado e que comeza de lado da casa que está ó lado do Museo. Rápidamente nos desviamos cara a costa e percorremos o tramo que nos leva á seguinte vila, Arou.

Adentrándonos un pouquiño na vila

Deixando atrás Camelle

O mar bateu con forza durante todo o camiño

En menos de media hora, xa vemos Arou

Un burriño dándonos a benvida

Esta vila é un magnífico exemplo da típica vila costeira galega, con casas de moitas e variadas cores e rúas estreitas. Atravesamos a praia ó longo do paseo marítimo do lugar ata chegar a unha pequena área recreativa. Aquí o camiño oficial segue pola estrada ata case chegar á chamada punta lobeira, onde existen unhas pequenas casetas de pescadores e unha pequena praia chea de rochas, onde crían moi ben os ourizos. Nós sen embargo decidimos comezar a subir o monte e collemos o camiño que pasa de lado da última casa, e que metros máis adiante sube monte arriba.

Arou

Variando un pequeno tramo do percorrido

Momentos previos á ascensión

Camiño que sube

Arou dende as alturas

Ó final deste empedrado camiño, collemos á esquerda na pista asfaltada e, ó chegar ó seguinte cruce á dereita, xa camiño da seguinte vila: Santa Mariña. É unha pequena vila escalonada ó longo dun pronunciado val entre dous montes a carón do mar. Pódese baixar e visitar o pequeno peirao, e alí dar un paseo polas rochas da punta, pero nós decidimos seguir de largo cara un dos nosos obxectivos principais da xornada: o Monte Branco e as súas vistas á enseada de Trece.

Despois dun treito, xa se intúe Santa Mariña e o seu pequeno peirao

Santa Mariña dende o alto

Ós poucos minutos dende Santa Mariña, tomamos o camiño de terra  que segue pola costa, perfectamente acondicionado. Máis adiante, ó chegar ó Monte Branco, para chegar ás inmediacións da duna débese coller un pequeno camiño á dereita. Este lugar resultou para min unha auténtica sorpresa, tanto pola súa beleza, como polas vistas que ofrece da enseada de Trece. Un lugar perfecto para desfrutar, pero recordade que é un espacio natural protexido, así que procurade que a vosa pegada sexa o máis pequena posible no entorno!

Sendeiro moi ben acondicionado para a súa práctica

Xa vemos o Monte Branco!

Camiño da duna, atopámonos coa planta que da nome ó Concello: a Caramiña

Vistas da enseada de Trece dende o Monte Branco

A famosa duna remontante do Monte Branco

Do outro lado, o peirao de Santa Mariña

Volvemos polos nosos pasos cara a pista e seguimos camiño do cemiterio dos ingleses. Durante o camiño obtivemos unhas boas vistas de toda a enseada, ata finalmente baixamos a costa que nos deixa xusto no cemiterio.

Durante o camiño, podemos observar de novo unha das dunas remontantes máis grandes de Europa

Vistas durante o camiño cara o cemiterio

Monte Branco ó lonxe

Aquí tivo lugar o máis fatídico afundimento de toda a historia da Costa da Morte: o naufraxio do Serpent. En 1890, este buque – escola iba camiño de Sierra Leona a facer un cambio de tropas. Ó pasar por esta punta, chamada “punta do boi”, o temporal provocou o seu afundimento nos baixos da costa e morreron 172 dos seus 175 tripulantes, que foron duramente vapuleados polas ondas.

Comeza o descenso cara o cemiterio

Finalmente, chegamos ó Cemiterio dos ingleses, situado na punta do Boi

Monte Branco e enseada de Trece dende o cemiterio dos ingleses

Unha vez visistado o lugar, seguimos a pista camiño do noso seguinte obxectivo. Metros máis adiante, xa podemos ver o faro de Cabo Vilán ó lonxe, pero antes pasaremos pola praia de reira, e nas súas inmediacións pararémonos a visitar a pedra do oso e o foxo dos lobos. Durante o camiño encontrarédesvos con gran cantidade de coídos.

Seguindo o noso camiño, xa vemos ó lonxe Cabo Vilán

Unha vez chegados á praia de Reira, podédesvos desviar á dereita para buscar a pedra do Oso, e facer o mesmo á esquerda para visitar o foxo dos lobos. Unha curiosidade deste lugar ten que ver coa pedra do oso, pois debedes saber que hai uns anos foi roubada, aparecendo de novo no seu lugar ó cabo duns días. Unha segunda curiosidade ten que ver co foxo dos lobos. Estas peculiares construccións eran usados antano para capturar lobos, dispoñendo dúas paredes en forma de embudo monte abaixo que remataban no foxo. Ó parecer, a xente do pobo reuníase e enviaba os lobos pouco a pouco cara o foxo ata que caían nel. Hoxe en día, este foxo da fogar e alimento a gran cantidade de anfibios, especialmente píntegas e tritóns.

Pedra do Oso

Mar batendo na praia de Reira

Foxo dos Lobos

Seguimos camiño do cabo vilán, camiñando a carón dos cantís e pasando de lado do parque eólico do lugar. Ó chegar ás inmediacións da planta acuícola collemos a estrada que nos leva ata o faro. Pódese visitar o edificio inferior, no que existe un museo, pero é unha pena que non estea permitida a entrada aínda que sexa ó patio superior a pé do faro. En lugar disto podemos subir ata o antigo faro, que funcionaba a leña e carbón, e desde onde teremos unhas boas vistas tamén, tanto do cabo coma da vila de Muxía ó outro lado da ría, que xa se abre ante os nosos ollos, co santuario da barca saudándonos dende a punta.

Camiño de Cabo Vilán pasamos por uns agrestes cantís

Parque eólico e faro ó fondo

As rochas soportaban como podían as continuas embestidas do mar embravecido

Faro

Faro e Museo dende o facho antigo

Tamén podemos ver parte do noso futuro camiño, todo ó longo da costa, coa ermida da Virxe do Monte ó lonxe. Camiñamos pois de volta ata o cruce da planta acuícola e collemos de novo cara a costa ata chegar ó campo de fútbol.

Cara o outro lado vemos a Ría de Camariñas con Muxía ó fondo

Deixando atrás cabo vilán

Ermida da virxe do monte e Muxía

Muxía ó outro lado da ría

Ó chegar ó campo de fútbol, collemos o camiño que sube para visitar a ermida e desfrutar das boas vistas da vila de Muxía que temos dende esta punta.

Fachada frontal da ermida

Santuario da Barca dende a ermida

Unha vez visitado e desfrutado o lugar, afrontamos o último treito deste longo camiño, que remata en na capital do concello. Neste tramo atoparemos algunha pequena praia e o castelo de Soberano, unha fortificación antiga desmantelada nos anos 40 para construir o peirao de camariñas. De feito aínda podemos ver algúns canóns facendo de amarres dos barcos.

Os pescadores abundan en todo o camiño

Ruínas do Castelo de Soberano

Despois de case 30 quilómetros... Por fin Camariñas!

Ata aquí compañeiros, unha ruta esta a do litoral camariñán que, aínda que resulta longa, recomendo totalmente. Se se fan moito os 30 quilómetros, podería dividirse en varios tramos ó gusto do camiñante sen problemas. Pero sobre todo, recomendo facela os días nos que haxa moito mar, pois son ideais para ver as ondas batendo continua e fortemente contra os cons. E ata aquí camiñantes, non me queda máis que animarvos a facelo e desexarvos BO NADAL A TODOS!

UN SAÚDO CAMIÑANTES!

6 responses to this post.

  1. Posted by rocio on 26 Decembro, 2011 at 16:56

    Gustame esta ruta, ainda que eu esperarei o veran para poder engadirlle unha visitiña a esa praia de Arou que tanto me gusta.

    Fermoso traballo

    Saudiños Alex

    Resposta

    • Pois cando queiras Rocío, estes nosos roteiros son perfectos para calquer estación do ano! E haberá que ir a bañarse algún día a Arou entón, sabendo que a recomendas ti seguro que se está xenial nela. Graciñas e un saudiño!

      Resposta

  2. Posted by Sole Mendez on 2 Xaneiro, 2012 at 14:01

    Coma sempre…un lujo visita-lo polo ciberespacio…espero poder faselo in situ….habe rse aljen se anima a acompañarme…
    un traballo xenial!!!

    Resposta

  3. Noraboa polo voso traballo! Agradécese poder ver un blogue con información tan detallada dos roteiros e fermosos espazos que nos ofrece a Costa da Morte. A seguir desfrutando do sendeirismo un ano máis.
    Unha aperta!

    Resposta

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: