Ola Camiñantes! Qué mellor que comezar a nosa andaina neste este novo ano 2012 estreándoo cunha ruta polo Monte Pindo! Todos sabemos que era este un lugar sagrado para os celtas, pero tamén o é para os sendeiristas. Neste caso, ó non coñecer moi ben o lugar, decidín facer unha ruta curta, pero non por iso menos esixente. Esta comeza no lugar do Fieiro, a pé do encoro de Santa Uxía, e remata no cumio do Monte Pindo, o pico da Moa, a 600 metros de altitude e a poucos metros da ría de Corcubión.
Para percorrer este camiño é aconsellable levar calzado impermeable se se fai en inverno, pois é moi posible que o camiño estea húmido e que se encontre algunha que outra poza. Evitaremos así estar pensando continuamente onde van pisar os nosos pés e así poder seguir un camiño o máis recto posible. Ademáis, é recomendable levar un pantalón forte que nos protexa das xestas. Tampouco esquecerse os que lle pase coma a min, que o máis pequeno raio de sol lles afecte, de que nunca está de máis un sombreiro ou gorra no alto dun monte, onde parece que non pero o sol pega forte, e moito. Preparados? Valoración MIDE do percorrido e comezamos!
O comezo da ruta encóntrase nun pequeno lugar chamado O Fieiro, pertencente ó Concello de Mazaricos. Chégase a este lugar poucos metros despois de pasar por riba da presa do encoro de Santa Uxía. Nada máis chegar xa nos atopamos co punto de inicio á dereita, unha pequena área recreativa na que hai un panel informativo e un cartel sinalando as dúas variantes do roteiro.
Ten este roteiro dous camiños distintos para chegar á Moa, xuntándose estes no merendeiro que está a poucos metros do cumio. Como neste caso só fixen que percorre a cara traseira do monte, noutra ocasión volverei para facer o percorrido polo outro camiño, que pasa pola cara costeira da montaña e polo pico Penafiel, outro cumio famoso do Monte Pindo
Dende aquí collemos a pista que sube, e que durante o primeiro quilómetro de percorrido apenas presenta dificultades. Neste primeiro tramo podemos botar a vista atrás para divisar algunhas aldeas do concello de Mazaricos, o encoro de Santa Uxía, o mirador do Ézaro ou o pico Penafiel.
A partir do segundo quilómetro do roteiro, o terreo vaise facendo máis complicado para o camiñante, primeiro estreitándose e despois tornándose moi rochoso e con bastante pendente.
Superados aproximadamente os 2,5 quilómetros de ascensión, atopámonos o bastante elevados para divisar a vila de Carnota. Podémonos parar a ler o panel informativo sobre a historia e flora do Monte Pindo antes de afrontar o último tramo da subida.
Máis arriba, atopámonos cun cruce no cal nos podemos desviar cara o merendeiro para tomar algo antes de chegar á moa, ou ben afrontar os últimos metros da subida para alcanzar o cumio. Dende aquí, pódense adiviñar entre os piñeiros as vilas de Corcubión e Cee.
Por fin, chegamos ó pico da Moa. Dende aquí arriba, temos unhas magníficas vistas en 360 grados de toda a zona, destacando a panorámica da ría de Corcubión.
A pé da montaña, a pequena vila do Pindo:
A un lado, as vilas de Carnota e Lira:
Ó outro, Fisterra, Corcubión e Cee ó lonxe:
Máis cerca, a praia de Gures e a enseada de Caneliñas, lugar onde no ano 1986 pechou a última factoría baleeira de España:
E por último, polo interior, máis alá do aspecto rochoso do Monte Pindo, o verde dos montes da Ruña:
Unha vez desfrutado desta marabillosa panorámica da Costa da Morte, só queda baixar polo mesmo camiño ata o Fieiro. Neste caso intentei (sen éxito) atopar o camiño que leva ó lugar pasando pola outra cara do monte e que sube ata o pico Penafiel, pero non fun quen de atopalo (todo se andará
) a quen si atopei mentres buscaba algún tramo deste sendeiro foi a un grupo de camiñantes de Vimianzo, ós que guiei con gusto ata a Moa e que me fixeron pasar un día estupendo en boa compañía. Ademáis de facer o descenso máis levadeiro. Por cousas como estas adoro o sendeirismo. Graciñas Antonio, Juan, Cristian, Paula, Antía e Darío!
E así queda inaugurado o novo ano en Camiños Da Fin Da Terra amigos. Cando teñades ocasión pasádevos polo Pindo e desfrutade desas excelentes vistas! Feliz Ano!
UN SAÚDO CAMIÑANTES!
























Publicado por Antía o 2 Xaneiro, 2012 ás 23:39
Muy bien Alex ! La verdad es que nosotros también nos gusto mucho encontrarte, y compartir contigo un tramo de camino. A ver si coincidimos otro día. Un besiño
Publicado por camiñosdafindaterra o 2 Xaneiro, 2012 ás 23:54
Moitas gracias Antía! Sempre recordarei a vosa compañía e ese guacamole no alto da Moa jaja. Oxalá coincidamos de novo. Un saudiño! bks
Publicado por Rocío Fandiño o 3 Xaneiro, 2012 ás 11:33
Vexo que no camiño encontrastes xente de Vimianzo, jajaja
Publicado por camiñosdafindaterra o 3 Xaneiro, 2012 ás 23:50
Xa ves Rocío, Vimianceses por el mundo! jeje