Ola de novo Camiñantes! Despois dunha semaniña sen escribir, aproveitada para coñecer novos lugares que ensinarvos máis adiante, tráiovos outro novo e bonito “Camiño Da Fin Da Terra”. Este comeza na aldea de Anllóns (Concello de Ponteceso), transcorre a carón do gran río que rega a comarca de Bergantiños e finaliza nun lugar de ensoño que, se non o coñecedes aínda, xa tardades en ir a visitalo: o refuxio de Verdes, (pertencente ó Concello de Coristanco). Coma sempre, e como non pode ser doutra maneira, comezo deixando mapa, perfil e características MIDE do roteiro.
- Valoración MIDE
Ademáis, para facer esta ruta recoméndovos usar unhas botas impermeables, que vos farán falta case seguro. Tampouco estarían de máis uns pantalóns impermeables, nunca se sabe!
Comezamos a andaina a carón da igrexa de San Fiz de Anllóns, e imos baixando polas sinuosas rúas da aldea en dirección á ponte da Garga, onde se atopa unha bonita área de descanso e recreación. Xa neste lugar, a pesar de estar medianamente urbanizado, podemos ver se temos un pouco de sorte algunha garza. Tamén na auga poderemos ver algunhas troitas, pois o anllóns é un río troiteiro por excelencia, con varios coutos ó longo do seu percorrido.
Deixamos atrás a Garga e enfilamos o primeiro tramo do camiño pola marxe esquerda do río (a nosa dereita, pois imos río arriba) e uns minutos máis adiante, xa podemos ver na outra beira do río os muíños da Saímia e de Caldas, uns muíños que antigamente deberon ser moi importantes, a xulgar polo seu considerable tamaño.
Metros máis adiante, chegamos á ponte de Caldas, que aproveitaremos para cambiar de marxe do río. Aquí atoparémonos tamén cunha central hidroeléctrica.
Camiñaremos un bo treito por este camiño, con abundante e espesa vexetación, intuíndo o pobo Cabanés de Beres detrás da vexetación da outra marxe do río, onde a única construcción que veremos será un antigo muíño en ruínas.
Ó longo do río atoparemos en varias zonas tamén algunha que outra ponte de madeira, que nos permitirá salvar algúns regos que desembocan no Anllóns.
Isto ata chegar á ponte de Cardezo, que non cruzaremos, senón que continuaremos pola mesma marxe do río.
Neste novo treito que comeza, atoparémonos con algunhas dificultades, primeiro un tramo curvo que transcorre literalmente a carón do río, e a unha certa altura deste, no sendeiro só colle un pé ó ancho, polo que hai que andar con moito coidado se non queremos levar unha boa molladura e facerlle compañía ás troitas que viven por alí
“Polo río abaixo vai unha troita de pé,
corre que te corre, quen a puidera coller,
quen a puidera coller, quen a puidera pillar.
Polo río abaixo vai unha troita de pé”.
Despois, un pouco máis adiante, chegaremos a un tramo no que non existe camiño (ou non dei con el), o que teremos que facer é percorrer este tramo entre a gran leira (na que plantan millo para as granxas que existen na parroquia pontecesana de Langueirón) e a beira do río, a verdade, este tramo fíxoseme moi longo e difícil cando o fixen, o non haber camiño é un auténtico suplicio, pero ninguén dixo que fora ser fácil!
Ó final deste tramo chegamos á ponte de Xavarido… Sónavos? En efecto, aquí nesta ponte, pero pola outra marxe do río, comeza a ruta do Ouro, que comentamos noutra entrada anterior deste blog. Desta vez o que facemos é o mesmo camiño, pero pola beira contraria á ruta Cabanesa.
A única negativa do tramo que comprende dende a ponte de Cardezo ata o lugar de Pontedona que podo darvos é que nalgúns lugares (afortunadamente puntuais) hai certos residuos acumulados como poden ser rodas, mesas ou incluso nun punto, bastantes desperdicios de coches. exemplos:
POR FAVOR, SEXAMOS RESPETUOSOS CO MEDIO AMBIENTE! É O NOSO FOGAR!!!
Deixando atrás os lugares que xa visitamos da ruta do Ouro, como son a central hidroeléctrica, bocas de mina e a capela e carballeira de Santa Mariña do Remuíño, despois de outro bo treito de camiño chegamos ó lugar de Pontedona, para afrontar o último tramo do roteiro de hoxe, e para min o máis bonito e mellor coidado gracias á presencia de pescadores.
E por fin, chegamos ó fermoso refuxio de Verdes, un paraíso salpicado de regos, rápidos, pequenos illotes e muíños no que poderemos desfrutar dunha boa comilona aproveitando as grellas e as mesas á sombra das árbores (quén sabe se cociñando algunhas troitas que pescamos no mesmo lugar, pois esta zona está dentro dun couto pesqueiro). Déixovos coas imaxes deste final de camiño:
E ata aquí compañeiros, espero coma sempre que vos gustara este camiño cheo de auga por todas partes e sobre todo que o percorrades! Espero os vosos comentarios e opinións
Xa por último, quero aproveitar esta ruta pontecesana para convidarvos mañá Sábado 12 ó primeiro FESTIPOPEÓNS (Festival Ponteceso Peóns) de 11 a 14 horas, no Centro Cultural de Ponteceso, onde poderedes desfrutar xunto a pequenos e maiores de exposicións, competicións e diferentes talleres sobre o mundo dos Trompos, para recordar vellos tempos da escola. Seguro que será unha mañá moi divertida. Animádevos e pasádevos por alí, aínda que só sexa a botar un vistazo, vémonos!
UN SAÚDO CAMIÑANTES!!!

































Publicado por Zaira o 21 Xaneiro, 2012 ás 02:20
Cánta auga !!! Unhas fotos moi luminosas cargadas de cor !! A foto do pescador, en branco e negro seguro q tamén dá moito de sí !!!
Publicado por camiñosdafindaterra o 22 Xaneiro, 2012 ás 01:01
Nótase que che gusta a fotografía, Zaira!
Estou seguro de que se algún día te pasas polo refuxio de Verdes non vas poder parar de sacar instantáneas