Ola Amigos, aquí me tendes unha nova semana descubríndovos algúns dos mellores camiños da Costa da Morte. Esta semana amosareivos outro camiño situado no Concello de Cabana de Bergantiños: a ruta “Tralas Pegadas dos Riobó”, que percorre varios lugares da Parroquia de Riobó, na que se agochan algunhas auténticas sorpresas. Como sempre, déixovos mapa, perfil e características MIDE da ruta antes de comezar:
A ruta comeza xusto na entrada do lugar da Mata (vindo da parte de Neaño, Corcoesto ou Ponteceso). Podemos deixar o coche no bar “Josefa”, onde se pode mercar algo antes de comezar o camiño, pois tamén teñen un pequeno súper. Dende aquí, cruzamos a estrada e tomamos a pista que baixa cara a pequena aldea de Riobó, que dá nome á parroquia. Xa por este tramo podemos comprobar que o roteiro se desenvolve por unha zona de numerosas elevacións e depresións, formando numerosos vales que pequenos regatos aproveitan para conducir as súas augas, e dando lugar así a varios pequenos núcleos de poboación, como A Barcia, que visitaremos máis adiante, e que podemos divisar dende o camiño que nos leva a Riobó:
Un pouco máis adiante, xa nos topamos coa primeira das pequenas aldeas que nos toca visitar nesta ruta: Riobó. Un pobo tan encantador coma pequeno, que conta con unha igrexa con restos románicos bastante valiosos. Ademáis, dende hai xa catro anos, vense levando a cabo neste lugar a chamada “Noite no Medievo” unha bonita festa ambientada na Idade Media na que se pode disfrutar de animación teatral, paseos a cabalo, degustación de productos típicos, actuacións, exposicións de artesanía, xogos tradicionais (guiados por un servidor) e a celebración dunha “Prevoda Medieval” na que se casan varias parellas de noivos nunha cerimonia oficiada por un druída. Recomendable 100%!
Dende Riobó collemos a pista de terra que hai entrando na aldea á dereita e, despois de pasar a granxa, collemos cara a esquerda a través dun dos verdes prados que compoñen a paisaxe do entorno da aldea. É facil perderse, pois non hai sinalización neste tramo. As fotos serviranvos de guía. Recoméndovos que vaiades a carón dos árbores e vallas que separan os diferentes prados. O camiño suponse que debería ir por dentro dunha casa da aldea, pero o pastor alemán que hai dentro non dá moita confianza, polo que é recomendable variar un pouco este pequeno tramo. Unha vez chegades ós prados, todo consiste en baixar ata atopar o rego, para coller a ponte que nos permita cruzar ata a outra beira e poder avanzar cara a seguinte aldea, a Penela.
Unha vez chegados ó rego, buscamos a ponte entre a maleza e cruzámola para poñer rumbo á Penela. Se tendes sorte igual atopades algún que outro esquío.
Dende aquí imos uns poucos metros cara a esquerda, ata dar co camiño que se dirixe cara a penela. O primeiro tramo pode que teña moita maleza (non foi este o caso) pero o segundo é unha auténtica marabilla: ben marcado, suelo cheo de follaxe, en zig zag costa arriba e baixo un espeso teito de árbores, cun final maxestuoso na coñecida torre da Penela.
Collemos agora a pista de asfalto en sentido descendente, camiño da seguinte aldea do camiño: A Barcia. Será un pequeno tramo sobre o asfalto, xa que pronto nos desviaremos por un camiño de carro á esquerda, atravesando unha zona de bosque de eucaliptos. Durante o camiño podemos ver as ruínas dun par de muíños a carón dun bonito rego.
Despois duns minutos de camiñata e rematamos a baixada, e imos dar coa pista de asfalto que vén da Penela e chega á aldea da Barcia, pola cal pasa outro rego, que provén doutro dos numerosos vales que teñen lugar na zona, e que será o último núcleo poboado que veremos durante un relativamente longo treito.
Dende aquí poñemos rumbo directo a outra das marabillas agochadas no concello de Cabana de Bergantiños: o Pozo da Forca, un pozo de auga que recibe a súa auga dunha pequena fervenza, chamada a “Baiabosa” afincada no corazón do concello. Antes de chegar aquí, pasaremos por unha pequenísima aldea, xa deshabitada, chamada Soutochán, con catro construccións das cales só unha se mantén en pé e habitable. É este o tramo perfecto para os que coma min, queredes “facer o castrón”, pois antes do desvío de ida e volta que colleremos para o Pozo da Forca, existen 3 camiños que se desvían cara o rego. Poderedes atopar entre leiras de millo e a aldea abandoada de Soutochán, unha bonita fraga do outro lado do rego, algunhas colmeas de abellas e máis muíños en ruínas que, para min, sempre teñen encanto.
Seguimos e, máis adiante, temos o desvío ben indicado do camiño de ida e volta cara o Pozo da Forca, un lugar máxico onde entre a abundante vexetación incluso parece que se fixera de noite, e onde rodeados de fentos temos a sensación de transportarnos a outro mundo, a outra época. Para min, sinceramente, este lugar resulta un “pequeno gran espectáculo natural”.
Por desgracia, nos últimos meses chegou o “progreso” á zona e pódense ver varias máquinas limpando os montes e estropeando MOITO a paisaxe. Sen embargo, tiven a sorte de coñecer o lugar por primeira vez antes de que comezara a limpeza dos montes. Aquí vos deixo algunhas fotos, e esperemos que a zona se recupere canto antes.
Rodean a este lugar varias lendas, a cada cal máis incrible: unha delas conta que este pozo é un ollo de mar, pero terra adentro.
Outra, que hai anos un crego achegouse para medir a súa profundidade facendo uso de doce pezas de adival atadas a unha pedra, pero éste non foi quen de atoparlle fondo ó pozo.
A terceira, que os presos retidos na Torre da Penela finaban aquí a súa vida sendo aforcados, lenda que finalmente viría dando o nome ó lugar. Tamén se conta que no fondo do pozo existe unha grade de ouro que, para sacala, hai que levar dous cuchos fillos da mesma vaca e darlles despois leite para compensar o esforzo.
Por último, parece ser que tamén hai agochada unha viga de ouro. Segundo os veciños, non hai dúbida de que existe, e gardan o secreto de xeración en xeración. Respecto a esto último, tamén se di que o punto no que se agocha a viga aparece marcado na superficie por unha misteriosa luz….
Despois desta boa dose de tradición oral, voltamos por onde viñemos e poñemos rumbo á última aldea que atoparemos no camiño: Folgoso, onde poderemos visitar a antiga capela co seu cruceiro, e os “Muíños dos Abeláns” (esta vez restaurados). Só temos que continuar o camiño do que víñamos, e ó pouco tempo chegaremos a un cruce no que podemos ver a entrada da aldea e ó mesmo tempo a capela de San Brais. Desviámonos para visitala:
Poñemos rumbo agora cara Folgoso e atravesámolo camiño dos Muíños dos Abeláns. Parte do camiño será de ida e volta.
Damos volta de novo ata chegar a folgoso e aquí colleremos a pista que sube. Xa non a deixaremos ata chegar o lugar da Mata, xusto no punto na que a comezamos. Os máis cansados están no lugar perfecto para repoñer forzas e descansar no bar tomando algo quentiño, e os menos… os menos tamén! por qué non?
En fin, meus, espero que esta ruta (máis ben a súa descrición) vos gustara tanto como a min, e sobre todo que non se vos fixera moi pesada (xa vedes que o interior Cabanés dá para moito) e que vos animedes a facela, por suposto! Ata a próxima
UN SAÚDO CAMIÑANTES!






























Publicado por Karina o 7 Novembro, 2011 ás 15:41
Ola !!
Que tal as camiñatas???Eu aínda estou esperando pola famosa ruta Camelle-Laxe eh!!ejem ejem.Bueno, moitas felicidades polo teu blog, paréceme unha iniciativa moi boa. A ver se convenzo a estas para apuntarnos a algunha!Bks.
Publicado por caminhosdafindaterra o 7 Novembro, 2011 ás 21:52
Ei Karina, pois un finde destes que queirades! Que eu como podes comprobar esta última temporada estou enganchadísimo ó sendeirismo, e necesito facer esa ruta para publicala no bloj! jaja Gracias polos ánimos! Si mira ti convences ás de camariñas e eu encárgome das de vimianzo!
Un saudiño, pásate cando queiras e comenta, puntúa… bks!
Publicado por Sole Mendez o 27 Novembro, 2011 ás 23:16
Estón desexando faser ista…parese moi interesante…Cabana…a gran descoñecida…gracias Alex por abrirnos os ollos o mundo da paz e a natureza!!!
Publicado por caminhosdafindaterra o 28 Novembro, 2011 ás 10:54
Xenial! Estou case seguro de que non che defraudará! Se ves facela avísame, que eu pásome con frecuencia por alí, xa che dixen que quedei namorado de Riobó! E iso si que cho pido por favor: Cabana, a gran descoñecida! Gárdame o segredo