Ola meus!
Como cada nova semana, aquí me tendes descubríndovos un novo camiño da Costa da Morte. Desta vez achegueime ó concello de Laxe, concretamente á fermosa parroquia de Traba, pero non para facer a famosa ruta que vai ata Camelle, senón para subir á inxustamente descoñecida Pena de Mórdomo, desde a cal se pode desfrutar dunhas vistas excepcionais da parroquia, a lagoa e a fascinante praia de Traba.
É esta unha ruta que en principio pode parecer fácil e así o é durante gran parte do percorrido, pero débese ter en conta o tramo final da ascensión, no que hai que ascender por gran cantidade de penedos e rochas nos que hai que ter coidado de non esvarar / tropezar e non achegarse moito ó borde destes, pois hai perigo de caer ó vacío. É por iso que o resultado do MIDE ten números tan altos, pero se andades con coidado e non facedes moito o “castrón” como a min me gusta (debedes saber que a pesar de ter bastante vértigo, vaime o risco) non ten porque haber problema algún.
Para comezar o camiño, podemos deixar o coche no aparcamento da praia en Mórdomo, cerca do bar. Neste bar encontramos o primeiro cartel indicador da dirección da ruta. Nos primeiros metros, todo o que teremos que facer é seguir as indicacións ó longo da aldea de Mórdomo.
Unha vez chegados á última casa da aldea, comezando a subida cara o monte, xa non atoparemos máis sinais. Tendes que seguir a pista á dereita e uns metros máis adiante, no cruce que hai na curva, cara a esquerda (máis ben seguir a pista na que estamos). Durante este tramo podemos ver o val de Traba, coas súas pequenas aldeas a pé do monte da Moa e Pena Forcada, lugares que vos descubrirei en vindeiras entradas.
Chegamos a un novo cruce, no que se seguimos de frente, comezamos a descender. Non nos interesa, queremos subir e desfrutar dunha boa panorámica! Collemos á dereita e seguimos subindo. A partir de aquí o camiño vai ir facéndose máis agreste, ata chegar ó pe das rochas, no cal comezaremos a ascender. Ánimo, moito coidado!
No primeiro tramo da subida, cara a zona de Traba podedes buscar as coñecidas “Caras dos Monos” un conxunto de rochas nas que a natureza debuxou unhas cabezas que recordan ás duns primates.
Poucos metros máis adiante xa nos atopamos coa máxima altura do monte, marcada cun tronco que soe ter unha bandeira colgada, aínda que non era o caso desta vez. Penso que non teño que explicar moito das vistas, unha imaxe (neste caso varias) vale máis que mil palabras non si?
Pero non só podemos ver a paisaxe de Traba dende aquí arriba, se facemos unha vista de 360º cara a dereita, iremos vendo lugares como o monte da Moa, Pena Forcada, os penedos de Pasarela, o alto do Rascalobos, Pena Orelluda… lugares que vos descubrirei máis adiante, dádeme un tempo
Mirando cara abaixo, vemos o núcleo de Mórdomo e o aparcadoiro onde comezamos a ruta. É curioso, pero aínda que semella lonxe, escoitábanse os ladridos dos cans perfectamente!
E ata aquí, todo o que queda é facer o camiño de volta por onde viñemos, tal vez se podería continuar o camiño no cruce que antes vos dixen que baixa e achegarse ó rascalobos ou a Pena Orelluda. Quén sabe. Un día que teña ganas de perderme e facer o castrón aventúrome e xa vos conto á volta
Nada máis meus, animádevos a percorrer este camiño que é curto, e as vistas merecen moito a pena.
UN SAÚDO CAMIÑANTES!














